'Manolofest' en Compostela: a USC celebra o 70 aniversario de Manuel Ladra cun encontro internacional de álxebra
A Facultade de Matemáticas acolle o congreso ‘Categorical, homological and computational methods in Algebra’, con figuras de referencia mundial como o medallista Fields Efim Zelmanov

Especialistas de referencia internacional no ámbito da álxebra reúnense esta semana na Facultade de Matemáticas no encontro ‘Categorical, homological and computational methods in Algebra’ que homenaxea no seu 70 aniversario o profesor Manuel Ladra, cunha carreira académica e investigadora de máis de catro décadas, fortemente vinculada á USC.
Entre as figuras distinguidas que tomarán parte no encontro destaca o profesor Efim Zelmanov, gañador da medalla Fields en 1994, o recoñecemento máis importante outorgado no ámbito matemático, equivalente ao Premio Nobel. Zelmanov aproveitou a súa visita para asinar no libro de honra da Facultade, acompañado polo decano Alberto Cabada.
O Congreso está organizado coa colaboración da Facultade de Matemáticas, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), a Agencia Estatal de Investigación (AEI) e a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia. Na sesión inaugural do mércores participaron a reitora da USC, Rosa M. Crujeiras; o representante do Comité Organizador, Xabier García Martínez; o representante do Comité de Dirección (en funcións) do CITMAga, Miguel Brozos Vázquez; e o decano do centro.
Baixo o nome MANOLOFEST, o evento contempla un programa científico que inclúe relatorios de investigadoras e investigadores de primeiro nivel mundial, presentación de pósters e unha enriquecedora programación social.
As contribucións matemáticas de Manuel Ladra
O catedrático de Álxebra, que desenvolveu toda a súa traxectoria docente, científica e académica na USC, foi impulsor de numerosas redes de investigación, proxectos nacionais e internacionais e director de 19 teses doutorais, consolidando unha escola de investigación propia con ampla proxección internacional.
A súa investigación centrouse especialmente nos métodos categóricos, homolóxicos e computacionais aplicados a estruturas alxébricas non asociativas, un campo no que realizou contribucións clave e desde o que contribuíu decisivamente á consolidación da comunidade alxébrica galega e á proxección exterior da investigación matemática desenvolvida en Galicia.










