A SD Compostela é recibida en Raxoi tras o ascenso á Segunda Federación
A alcaldesa Goretti Sanmartín e a corporación municipal felicitan o club polo seu “esforzo extraordinario” e destacan o bo momento do deporte compostelán

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a corporación municipal recibiron este martes no Pazo de Raxoi á SD Compostela, que a pasada fin de semana acadou o ascenso á Segunda Federación, culminando así unha tempada que o goberno local cualificou de “extraordinaria”.
Durante o acto institucional, Sanmartín felicitou o equipo polo logro deportivo e destacou o esforzo realizado ao longo de toda a campaña. “Estamos moi orgullosas e orgullosos de cada un de vós, do voso traballo e do voso esforzo”, sinalou a rexedora, quen puxo tamén en valor a importancia de “crer nas capacidades de forma colectiva” para acadar obxectivos comúns.
A alcaldesa aproveitou a recepción para lembrar o bo momento que atravesa o deporte compostelán en distintas disciplinas, como a ximnasia rítmica, o hockey ou a esgrima, así como no baloncesto, co recente ascenso do Obradoiro á ACB. Neste contexto, engadiu que o fútbol “pecha o círculo” co ascenso da SD Compostela á Segunda Federación. “Toca agora pensar nos novos retos”, afirmou.
Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, tamén trasladou os seus parabéns ao club e ao conxunto de persoas que o integran. “Non era fácil conseguir o ascenso no primeiro ano e vós conseguístelo. Para o ano máis e mellor”, sinalou.
En representación da SD Compostela, o presidente Antonio Agrasar agradeceu o apoio do Concello e destacou que “hoxe é un día de enorme alegría para a SD pero tamén para toda a cidade”. Ademais, lembrou os momentos difíciles da entidade, superados, dixo, grazas á “convicción de que traballando xuntos o Compos ía dar este paso”.
O ascenso do conxunto compostelán supón o regreso do equipo a unha categoría superior e reforza o bo momento do deporte na capital galega.












