Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

Santiago acolle os XVI Xogos do Eixo Atlántico con 2.300 deportistas de Galicia e Portugal

O evento bianual celebrarase do 5 ao 10 de xullo e inclúe cinco disciplinas deportivas, modalidades adaptadas e plena paridade entre categorías femininas e masculinas

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, xunto á concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, e representantes do Eixo Atlántico durante a presentación
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, xunto á concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, e representantes do Eixo Atlántico durante a presentación
Concello de Santiago
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, presentou esta mañá en rolda de prensa os XVI Xogos do Eixo Atlántico. Sanmartín Rei compareceu acompañada da concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, así como do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, e o presidente do Grupo Temático de Deportes do Eixo e concelleiro de Desporto do Município da Maia, Hernâni Ribeiro.

Os Xogos do Eixo Atlántico, un evento bianual que xunta milleiros de mozas e mozos de Galicia e norte de Portugal, chega neste 2026 a Santiago de Compostela xuntando case 2.300 deportistas chegados de ambas as dúas beiras do río Miño. O evento transcorrerá entre o domingo 5 de xullo, cando terá lugar a cerimonia de apertura, e o venres 10.

Nesta edición, os Xogos contarán con cinco modalidades: baloncesto, balonmán, voleibol, atletismo e natación. Nestas últimas categorías, ademais, haberá modalidade adaptada. Nesta edición, por primeira vez, os Xogos acadan unha completa paridade, existindo categorías feminina e masculina en todas as modalidades.

A alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, salientou que se trata da segunda vez que Santiago acolle os Xogos do Eixo Atlántico, após a edición de 2005. Santiago convértese así no primeiro municipio do Eixo Atlántico en acoller dúas edicións desta cita deportiva internacional. Durante a súa intervención, a rexedora non quixo esquecer o excelente ano para o deporte compostelán, simbolizado polos ascensos de categoría en cadansúa disciplina do Obradoiro CAB, a SD Compostela, o CompoSala e o Hockey Club Raxoi. “Este foi un ano de alegrías para as afeccións santiaguesas e percibimos un auxe polo interese na práctica deportiva que estes Xogos do Eixo veñen reforzar”, resumiu.

Encontro transfronterizo

Os XVI Xogos do Eixo Atlántico suman nesta edición vinte e oito concellos galegos e portugueses. Pola banda galega estarán presentes, alén de Santiago, Ourense, Lugo, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Carballo, Ribeira, O Barco de Valdeorras, Sarria e Monforte de Lemos. As delegacións galegas no seu conxunto achegan 742 persoas.

A cerimonia de apertura dos Xogos terá lugar na tarde do domingo 5 de xullo na praza do Obradoiro, onde chegarán as distintas delegacións participantes desde a rúa de San Francisco. Nesta emblemática praza compostelá abriranse uns xogos que arrincan, no deportivo, o luns 6 coas competicións en deportes individuais, concentradas ao longo desa primeira xornada. Os partidos dos deportes de equipo xogaranse entre o mesmo luns 6 e o venres 10, cando se xogarán as finais.

Nesta edición, a idade máxima de participación redúcese ata os 14 anos (nadas/os dende 2012), agás na modalidade adaptada onde, preferiblemente, deberán ter nado no ano 2010 ou anterior.

A este respecto, Xoán Vázquez Mao sinalou que esta modificación reflicte a vontade de que os Xogos sirvan, a idades temperás, para inculcar entre a mocidade o valor da diversidade cultural e a identidade común europea. Así, salientou que “o deporte, a educación e a cultura” son alicerces da identidade europea. Vázquez Mao salientou que estes xogos poñen o acento “nunha competición sa entre amigas e amigos, e na promoción da convivencia como valor”.

Xogos por todo Santiago

Os XVI Xogos do Eixo Atlántico desenvolveranse en once espazos deportivos distribuídos por todo o municipio, tanto na área urbana como rural. Por unha banda, os pavillóns municipais de Santa Isabel (balonmán e baloncesto), Vite (voleibol), Lorenzo de la Torre (baloncesto), Restollal (voleibol), Pontepedriña (voleibol) e Fontiñas (baloncesto). Tamén nos pavillóns de centros educativos coma o CEIP Pío XII (baloncesto), Roxos (balonmán) e Monte dos Postes (baloncesto), ademais de estar en reserva o pavillón do CEIP Quiroga Palacios para balonmán. Por último, disputaranse as competicións de atletismo no estadio de atletismo da USC e as de natación no complexo de Santa Isabel.

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, destacou o “enorme esforzo institucional e social” por tras da organización dos Xogos, salientando e agradecendo as contribucións do Eixo Atlántico e do departamento municipal de Deportes. Tamén tivo palabras de agradecemento para as entidades públicas e privadas que contribúen ao evento (Finsa, Gadisa, Jim Sports, Turismo de Santiago, Turismo de Galicia e Tussa) e para o programa de voluntariado dos Xogos do Eixo Atlántico xestionado en colaboración coa USC, que velará polo desenvolvemento dos Xogos e pola atención ás delegacións visitantes.

Hernâni Ribeiro salientou a forte aposta pola igualdade nesta XVI edición, destacando igualmente a dimensión inclusiva do evento grazas ás modalidades de deporte adaptado e, finalmente, o feito de que os xogos funcionan como “un espazo de construción de cidadanía e partilla cultural”, afirmando unha “identidade común” entre Galicia e Portugal.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620