O PSdeG pide actuar ante o abandono de dúas parcelas en Pontepedriña
A edil socialista reclama ao Goberno local que limpe uns soares situados xunto a vivendas, un instituto e unha residencia de maiores

O grupo municipal socialista levará ao pleno deste xoves unha iniciativa para solicitar a limpeza urxente de dúas parcelas situadas na rúa Amor Ruibal, en Pontepedriña, polo seu estado de abandono e a proliferación de maleza.
A concelleira socialista Marta Abal explicou que se trata de soares próximos a vivendas, ao IES de Pontepedriña, ao pavillón deportivo da zona e a unha residencia de maiores, o que incrementa a preocupación veciñal pola súa situación.
Segundo indicou, a vexetación medra sen control e chega a invadir accesos peonís e fachadas, ademais de favorecer a aparición de pragas de ratas e insectos.
O PSdeG solicita ao Goberno local que actúe de forma inmediata para garantir a limpeza destes espazos e evitar riscos para a salubridade e a calidade de vida da veciñanza.










