Movemento Sumar Compostela chama a reforzar o espazo progresista en Santiago
A formación pide unidade ás forzas de esquerda e alerta de que a fragmentación pode favorecer unha alcaldía do Partido Popular

Movemento Sumar considera que a decisión anunciada polas concelleiras e concelleiros non adscritos do Concello de Santiago non aporta ningún beneficio para a cidade e insiste en que este tipo de movementos deben abordarse desde a responsabilidade e pensando no interese xeral da cidadanía compostelá.
A secretaria de organización de Movemento Sumar Compostela, Rocío Núñez Rúa, sinalou que “non podemos permitirnos máis candidaturas de esquerda competindo polo mesmo espazo electoral nun momento no que o principal obxectivo debe ser consolidar unha maioría progresista forte e capaz de seguir gobernando Santiago”.
A formación aposta por reforzar os puntos de encontro entre as distintas sensibilidades progresistas da cidade e evitar a fragmentación dun espazo político que, segundo indican, comparte prioridades e obxectivos comúns.
“É o momento de deixar os egos a un lado e pensar no interese xeral da cidade. Santiago necesita máis unidade e máis capacidade de acordo entre as forzas progresistas, porque calquera paso que contribúa a fragmentar ese espazo aumenta o risco de que o Partido Popular recupere a alcaldía”, engadiu Núñez Rúa.
Movemento Sumar respecta as decisións das concelleiras e concelleiros non adscritos, pero fai un chamamento a que esa iniciativa contribúa a reforzar o espazo da esquerda compostelá e non a dividilo.
A organización advirte de que a experiencia política demostra que a división das forzas progresistas adoita beneficiar ás opcións conservadoras e insiste na necesidade de diálogo e cooperación.
“A cidade necesita máis proxecto compartido e menos divisións. Aínda hai tempo para sumar esforzos e construír unha proposta capaz de representar á maioría progresista de Compostela”, concluíu Rocío Núñez Rúa.












