'Revelando Compostela' propón novos roteiros para recuperar a memoria histórica da cidade
O programa municipal inclúe percorridos de autor e 'camiños con historia' sobre Rosalía, Asorey, o Casino, a Alameda e os cafés históricos composteláns

O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, presentou o programa 'Revelando Compostela', acompañado por Modesto López, técnico do departamento. O edil explicou que esta iniciativa “ten o obxectivo de poñer en valor o patrimonio de Santiago, que moitas veces fica esquecido para os propios composteláns e compostelás, e recuperar tamén a memoria do que somos”. Na mesma idea incidiu Modesto López, que sinalou que “pretendemos deslocalizar o patrimonio que temos en Santiago, saindo das iconos habituais que son postais para moitos turistas e mostrando unha riqueza da que a veciñanza moitas veces non é plenamente consciente”.
O programa “Revelando Compostela” inclúe dous “roteiros de autor” e tres “camiños con historia”. Os primeiros xiran ao redor de estudos sobre persoeiros ou lugares de interese para a memoria histórica de Santiago, neste caso Rosalía de Castro e Francisco Asorey. En canto aos “camiños con historia”, son percorridos baseados en publicacións e investigacións sobre determinados lugares, nesta edición o Casino, a Alameda, e os cafés máis históricos de Compostela.
Roteiros de autor e camiños con historia
Nesta edición de “Revelando Compostela” haberá dous roteiros de autor, un deles sobre “Rosalía por Compostela”, guiado por Mercedes Espiño o 9 de xullo; e o outro sobre o escultor Francisco Asorey, no 65 aniversario do seu falecemento. Este percorrido será unha oportunidade para ver, coñecer e desfrutar das obras de Asorey, “algunhas delas localizadas en lugares aos que non é doado o acceso do público xeral, e outras situadas ben á vista pero que moitas persoas descoñecen que son da autoría de Asorey”.
En canto aos “camiños con historia”, o primeiro deles será unha visita teatralizada e guiada ao Café Casino, que terá lugar o 4 de xullo, en horario de mañá. O obxectivo é dar a coñecer a orixe e a evolución histórica da entidade social do Casino, que segundo algunhas crónicas naceu en 1860 e tiña a súa sede no Pazo de Bendaña, se ben previamente xa existía o chamado “Recreo de Santiago”. Tamén se afondará na historia da actual sede do Casino e a súa evolución no tempo, antes e despois do incendio que arrasou o edificio en 1919.
Outra das propostas é a ruta dos "Cafés históricos de Santiago”, un percorrido que recupera a memoria de establecementos como o Suízo, o Español, o Suevia, o Derby ou o Quiqui Bar, todos eles desaparecidos pero que forman parte da historia de Compostela. O itinerario parte da rúa do Vilar e discorre polo Toural, a Praza de Galicia, o Preguntoiro, a Rúa Nova ou a Alameda. A visita será o día 13 de xullo. Modesto López explicou que “en Santiago están dous dos cafés históricos do Estado, o Casino e o Derby”.
O último dos “Camiños con historia”, o 16 de xullo, será un percorrido pola “Alameda de Santiago, a súa historia e os seus paseantes”, que unifica dous roteiros que se ofertaron en anteriores edicións do programa e que foron un éxito de participación.
As actividades do programa “Revelando Compostela” son de balde, pero é preciso inscrición previa. Pode facerse de maneira presencial na Casa das Asociacións de Cornes ou no teléfono 981 54 23 50











