A Valedora do Pobo recoñece na USC e na UDC traballos sobre igualdade e dereitos das mulleres
A sexta edición dos premios distingue catro investigacións centradas na violencia de xénero, a prostitución e os dereitos afectivo-sexuais

“Este acto é moito máis que unha entrega de premios. É o recoñecemento ao valor do saber cando se pon ao servizo da xustiza social”. Con estas verbas se referiu a vicerreitora de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar, Lorena Añón, á entrega dos premios da Veledora do Pobo en materia de igualdade e dereitos das mulleres, que se desenvolveu este venres 19 na Facultade de Matemáticas da USC. Os galardóns recoñeceron nesta sexta edición as investigacións realizadas na USC por Laura Carballido Méndez e Aldara Tubío Pereira. Tamén resultaron premiados os traballos realizados na UDC por Jimena Cardona Felipe e Genoveva Gundín González.
Para a vicerreitora, os traballos gañadores “representan unha achega moi valiosa ao avance do coñecemento e ao fortalecemento dunha sociedade igualitaria. Unha clara mostra do papel e do rol fundamental que debe desempeñar a universidade como espazo de construción e divulgación do saber, de reflexión e de compromiso coa transformación social, para avanzar cara a sociedades máis xustas, inclusivas e democráticas”.
Ademais da vicerreitora, que presidiu o acto, tamén interviñeron Fabiola García Martínez, conselleira de Política Social e Igualdade; Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo; María José Abad López, directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC: e Yolanda Rodríguez Castro, directora de Igualdade da UVigo. María Maneiro Maneiro, quen formou parte do equipo da Valedora do Pobo, pronunciou o relatorio ‘Mulleres sen voz’. Ademais, o decano do centro, Alberto Cabada Fernandez, deu a benvida ás persoas asistentes.
Mirada masculina e violencia estrutural
Laura Carballido Méndez resultou premiada polo Traballo Fin de Grao titulado ‘De tercera a primera persona: la necesidad de un cambio en el relato artístico de la prostitución’. Este estudo denuncia como a historia da arte serviu para construír e manter unha visión patriarcal sobre a prostitución e os seus elementos clave. Por iso, a análise das imaxes, dende a cerámica grega ata o cinema contemporáneo parte dunha perspectiva feminista abolicionista. En consecuencia, a través de autoras sobreviventes e outras artistas ás marxes do canon, proponse unha relectura do relato visual onde se lle devolva a voz ás vítimas. O estudo evidencia a necesidade de revisar a iconografía que lexitima a prostitución como un espectáculo de xogos e luces, explorando o papel da mirada masculina e a violencia estrutural.
Deficiencia do sistema xurídico
Pola súa parte, o Traballo Fin de Mestrado de Aldara Tubío Pereira, egresada do Mestrado en Estudos Internacionais da Universidade de Santiago de Compostela, analiza unha importante deficiencia estrutural do sistema xurídico español en materia de violencia de xénero: a propia definición legal desta forma de violencia, limitada pola Lei Orgánica 1/2004 á exercida no ámbito da parella ou ex parella. A partir deste diagnóstico, deféndese a necesidade de traspoñer de forma anticipada a Directiva (UE) 2024/1385, que adopta unha concepción máis ampla e estrutural da violencia contra as mulleres, en consonancia cos estándares internacionais e coa Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea. O estudo, baseado nunha análise normativa, doutrinal e empírica, propón ademais a posibilidade de recoñecer un efecto directo anticipado ás disposicións da Directiva que sexan claras, precisas e incondicionais, permitindo así estender de maneira inmediata a protección integral a todas as mulleres vítimas de violencia baseada no xénero, con independencia da súa relación co agresor. En conclusión, o traballo avoga por unha reforma estrutural do sistema español de protección fronte á violencia de xénero, aproveitando a Directiva europea como unha oportunidade para garantir unha tutela máis igualitaria e efectiva dos dereitos fundamentais.
Tamén resultaron premiados os traballos realizados na Universidade da Coruña por Jimena Cardona Felipe, baixo o título ‘Violencia en la pornografía y su impacto en las prácticas sexuales de los jóvenes universitarios/as: Un estudio cualitativo en la UDC’ e Genoveva Gundín González, titulado ‘Los derechos afectivos y sexuales de las mujeres mayores: un estudio piloto en una gran urbe gallega y su área metropolitana’.











