A Real Filharmonía de Galicia presenta a tempada 2026/27 'Memoria' no Auditorio de Galicia
A nova programación propón un diálogo entre tradición e creación contemporánea e inclúe grandes nomes internacionais, residencias artísticas e novos proxectos educativos

A Real Filharmonía de Galicia presentou esta mañá a súa tempada 2026/27, 'Memoria', unha proposta artística que convida a reflexionar sobre a relación entre a música e a memoria, sobre a forma na que as obras do pasado continúan vivas no presente e sobre como a creación contemporánea dialoga permanentemente coa tradición. Na rolda estiveron presentes Goretti Sanmartín, alcaldesa e presidenta do Consorcio de Santiago; Míriam Louzao, concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago de Compostela; Elvira Mª Casal García, secretaria xeral técnica de Cultura da Xunta de Galicia; José Antonio Domínguez Varela, xerente do Consorcio de Santiago; Baldur Brönnimann, director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia; Sabela García Fonte, directora técnica da Real Filharmonía de Galicia; e Xaquín López, director-xerente do Auditorio de Galicia.
Concibida arredor da idea da memoria, a nova programación reúne grandes obras do repertorio sinfónico e algunhas das voces máis destacadas da creación actual. Ao longo da tempada, a Real Filharmonía explorará a memoria como legado, homenaxe, inspiración e tamén como materia viva capaz de xerar novas formas de expresión artística. A nova programación, deseñada por Baldur Brönnimann na súa cuarta tempada como director titular e artístico da Real Filharmonía de Galicia, propón un diálogo constante entre o gran repertorio e a creación contemporánea, entre a tradición e a innovación.
Este fío condutor reflíctese nos programas que conforman a tempada. O concerto inaugural abrirase con 'Folk Songs de Luciano Berio e a Sinfonía núm. 4' de Gustav Mahler, dúas obras que dialogan coa tradición desde perspectivas moi diferentes. Ao longo do curso, a programación explorará múltiples formas de relación co pasado: desde as melodías populares revisitadas por Berio ata a pegada de Beethoven na obra de Magnus Lindberg, pasando pola singular conversa que Helmut Lachenmann establece co 'Concerto para clarinete' de Mozart en Accanto. Obras de Schubert, Brahms, Dvořák, Sibelius, Rachmaninov, Villa-Lobos, Caroline Shaw ou Anna Thorvaldsdottir completan un percorrido que amosa como a creación musical se constrúe sempre a partir da memoria, xa sexa para preservala, transformala ou cuestionala.
Como artista en residencia, a pianista armenia Eva Gevorgyan participará en tres programas de abono, mentres que o compositor finés Magnus Lindberg asumirá a residencia de composición, converténdose nun dos grandes protagonistas do curso a través da presenza de varias das súas obras na programación e da súa participación no Obradoiro de Composición RFG/RESIS.LAB IV.
A programación reunirá tamén algunhas das figuras máis relevantes do panorama musical internacional, como Patricia Kopatchinskaja, Roman Simovic, Katrin Wundsam, Peter Moore, Cyrille Dubois, Sérgio Pires, Bernhard Zachhuber ou Johannes Moser. Xunto a eles, a Real Filharmonía reforza o seu compromiso co talento do país coa participación de artistas galegos como a oboísta Iria Folgado, os cantantes Emilia Pérez, Lucas López e Sergio Malvar ou os bailaríns Óscar Cobos e Antía Barcia.
No podio estarán presentes directores e directoras de referencia como Timothy Brock, Jordi Francés, Chloé van Soeterstède, Jonathan Bloxham ou Perry So, xunto a novas voces da dirección orquestral como Julia Cruz, Matteo Dal Maso, Javier Fajardo ou Ben Voce.
A música antiga ocupará tamén un lugar destacado na programación con tres proxectos específicos que permitirán achegarse ao repertorio barroco e clásico desde criterios historicamente informados. A tempada contará coa participación de Sergey Malov, que asumirá a dirección e as partes solistas de violín e violoncello da spalla, así como coas directoras especializadas Camille Delaforge e Jeannette Sorrell, tres figuras de referencia internacional neste ámbito. A través destes programas poderanse escoitar obras de Bach, Haendel, Vivaldi, Rameau, ou Ortiz entre outros.
Outro dos eixes centrais da programación será a formación e o apoio ás novas xeracións. Nunha ampla programación didáctica destinada ao público escolar e familiar, a Real Filharmonía presentará dous novos espectáculos creados por La Maquiné, 'O bosque de Grimm e Farö', así unha proposta dirixida ao público adolescente que contará coa participación do divulgador cultural 'El Barroquista' xunto ao director asistente da RFG, César Ramos.
Nesta mesma liña, o alumnado do Posgrao de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais participará en 14 concertos da tempada como parte da súa formación práctica xunto á orquestra. A participación cidadá volverá materializarse a través do proxecto 'Cantamos!', que celebrará unha edición especial para coros xuvenís durante o Nadal e culminará a tempada cunha interpretación participativa do Réquiem de Mozart.
A presenza da RFG en todo o territorio galego volverá ser unha das características distintivas da tempada. A orquestra ofrecerá 17 concertos fóra de Santiago de Compostela, reforzando a súa presenza en auditorios e teatros de toda Galicia e consolidando o seu papel como unha das principais institucións culturais do país.
Como novidade, todos os concertos de abono da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia pasarán a celebrarse ás 20.00 horas. Ademais, os encontros 'Conversando con...', previos aos concertos, comezarán ás 19.15 horas.












