O PSdeG reclama máis profesorado e persoal de apoio para garantir unha educación inclusiva en Santiago
Aitor Bouza pide á Xunta que planifique xa o vindeiro curso e reforce os equipos de orientación, pedagoxía terapéutica e atención ao alumnado con necesidades específicas

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado no Parlamento de Galicia, Aitor Bouza, reclamou á Xunta que planifique con antelación o curso escolar 2026-2027 e dote aos centros educativos composteláns dos recursos humanos necesarios para garantir unha educación pública inclusiva.
Bouza asegurou que ao longo do curso as comunidades educativas da cidade veñen denunciando a falta de profesorado especializado e de persoal de apoio para atender ao alumnado con necesidades específicas.
Segundo explicou, o Goberno galego debe aproveitar os meses previos ao inicio do próximo curso para dar resposta ás demandas trasladadas polas ANPA e polos equipos directivos dos centros.
Entre as principais carencias sinaladas polo deputado socialista atópanse a falta de profesorado de pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe, así como a necesidade de incrementar o persoal coidador. Ao seu xuízo, ningún alumno ou alumna debería iniciar o curso sen recibir a atención educativa que precisa.
O responsable socialista tamén reclamou unha actualización dos catálogos de persoal e un reforzo dos equipos de orientación, co obxectivo de reducir os tempos de espera nas valoracións e diagnósticos do alumnado. Neste sentido, pediu a incorporación de máis orientadores e orientadoras para atender a demanda existente nos centros educativos.
Bouza advertiu de que a Xunta non pode afrontar un novo inicio de curso sen resolver as necesidades detectadas polas comunidades educativas compostelás e reiterou que o PSdeG continuará reclamando máis recursos para garantir unha educación pública de calidade e verdadeiramente inclusiva.












