O PP compostelán esixe responsabilidades ao goberno local polos atrasos nas obras de García Lorca
Adrián Villa acusa a BNG e Compostela Aberta dunha “nefasta xestión” nunha actuación que, segundo denuncia, está a provocar graves problemas de mobilidade e convivencia veciñal

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Adrián Villa, reclamou este xoves ao goberno municipal de BNG e Compostela Aberta que asuma responsabilidades pola situación das obras da rúa García Lorca, que cualifica de “totalmente inadmisible” e froito dunha xestión “sen precedentes” na cidade.
Villa asegurou que a intervención “evidencia o fracaso na planificación e seguimento dunha obra que afecta directamente á vida diaria da veciñanza” e advertiu de que o proxecto está a xerar unha situación “insostible” para os residentes da zona.
Segundo explicou o edil popular, as obras comezaron no mes de agosto de 2025 e, aínda que inicialmente estaba previsto que rematasen en decembro de 2026, a última información apunta a novos atrasos, xa que os traballos non se retomarían ata o mes de setembro tras meses de paralización.
O concelleiro advertiu ademais de que, se non se producen novos retrasos, a actuación podería non estar finalizada ata decembro de 2027, o que suporía, segundo indicou, dous anos completos de molestias para a veciñanza, con rúas levantadas, problemas de accesibilidade e dificultades de mobilidade.
Finalmente, Villa insistiu en que o goberno local debe asumir responsabilidades e ofrecer explicacións ante o que considera unha situación “inaceptable” para os residentes da contorna da rúa García Lorca.












