O Concello prevé levar ao Pleno en xullo a municipalización dos aparcamentos de Praza de Galicia e Praza de Vigo
A memoria técnica conclúe que a xestión directa a través de TUSSA ofrece “vantaxes considerables” en eficiencia, sustentabilidade e condicións laborais

A Comisión técnica para o estudo da xestión dos aparcadoiros da Praza de Galicia e da Praza de Vigo aprobou hoxe a memoria relativa aos aspectos sociais, xurídicos, técnicos e financeiros do modelo de xestión dos dous estacionamentos, e a súa remisión á Intervención Municipal para o seu informe. Foi cos votos a favor de Compostela Aberta, BNG, PSOE e concelleiras non adscritas, e coa abstención do PP. O concelleiro de Mobilidade e Convivencia, Xan Duro, explicou que “o informe aposta pola xestión dos aparcamentos a través de TUSSA, habida conta da súa experiencia nos parkings de Belvís e Xoán XXIII”.
Xan Duro explicou que “o Goberno traballa coa previsión de que a proposta para a municipalización dos dous aparcamentos sexa debatida no Pleno do mes de xullo”. O concelleiro lembrou que o contrato do aparcamento da praza de Vigo remata a finais de outubro, mentres que o da praza de Galicia funciona cunha orde de continuidade que se suspendería unha vez asumida a xestión por parte de TUSSA.
A memoria presentada na comisión considera xustificada a proposta de municipalización do servizo, ao concluir que “a xestión directa permite alcanzar vantaxes considerables respecto a xestión indirecta en materia de condicións laborais para os traballadores, na introdución de criterios sostibles na xestión, na calidade na prestación do servizo, na flexibilidade para impulsar políticas de mobilidade que se adapten ás necesidades da cidade, e todo iso con sustentabilidade financeira para a administración e sen riscos legais”.
Xestión máis sostible e eficiente
Tamén sinala que “a xestión por sociedade pública empresarial é máis eficiente, máis sostible e máis adecuada que a xestión pola propia entidade ou por organismo autónomo local en términos de rendibilidade económica e recuperación do investimento, ofrecendo un menor custo para o mesmo nivel de servizo”. Neste sentido, a memoria analiza diferentes fórmulas de xestión directa (polo propio Concello, por organismo autónomo local, por entidade pública empresarial local e por sociedade mercantil local), e sinala que a prestación do servizo a través de TUSSA ten a vantaxe de que a sociedade mercantil xa conta cunha estrutura de xestión asociada á explotación dos aparcamentos de Belvís e Xoán XXIII; ademais de que os modelos de xestión polo propio Concello implicarían unha maior rixidez na xestión dos recursos humanos e máis dificultades para a adaptación áxil ás necesidades cambiantes do servizo.
A memoria aprobada hoxe partiu das visitas realizadas a ambos aparcamentos para analizar o estado actual das instalacións e os investimentos necesarios nelas, dos datos de número de usuarios e dun estudo financeiro comparando dous modelos: a xestión por un operador privado que realizaría a reforma e explotación dos estacionamentos, e a asunción por parte de TUSSA habida conta de que se considera o modelo de xestión directo máis acaído para os dous parkings.
Polo tanto, unha vez culminado o proceso, TUSSA asumiría de xeito inmediato a xestión do aparcamento da Praza de Galicia, e a xestión do aparcamento da Praza de Vigo unha vez remate, a finais de outubro, o contrato en vigor.
Da comisión de estudo para analizar a forma máis sustentable e eficiente de xestionar os aparcadoiros da Praza de Galicia e da Praza de Vigo fan parte representantes de todos os grupos da Corporación, así como persoal técnico municipal.











