A USC sitúase entre as mellores universidades do mundo segundo o QS World University Rankings 2027
A universidade compostelá alcanza o posto 629 entre máis de 8.800 institucións e destaca en reputación académica, investigación internacional e sustentabilidade

O QS World University Rankings 2027 sitúa a Universidade de Santiago de Compostela no ‘top’ das universidades do mundo ao outorgarlle o posto 629 de entre 8.808 institucións avaliadas dun total de 106 países de todo o mundo. A reputación académica, as redes internacionais de investigación e a sustentabilidade son os puntos fortes da USC, nos que se sitúa entre todas as institucións analizadas nos postos 343, 393 e 425, respectivamente. A nivel estatal, a USC ocupa o chanzo 17 de entre as 48 institucións universitarias analizadas en España.
A puntuación global que cada institución percibe confórmase en base a unhas porcentaxes aplicadas a determinadas variables. Así, as percepcións de persoas académicas de todo o mundo supoñen o 30% da puntuación total, e o número medio de citas obtidas por cada membro da institución é o 20% da nota global.
A percepción dos e das empregadoras sobre que institucións están subministrando persoas graduadas mellor preparadas (15%), a capacidade das institucións para asegurar un alto índice de empregabilidade (5%), a ratio entre o número de persoal académico e estudantado (10%), a proporción de profesorado internacional, indicio de que a institución posúe unha reputación capaz de atraer persoal de fóra (5%), a participación en redes internacionais de investigación (5%), a proporción de estudantado internacional (5%) e o nivel de sustentabilidade (5%) son o resto de indicadores tidos en conta neste ránking.










