Santiago conmemora o Día das Persoas Refuxiadas cunha xornada para visibilizar a realidade do pobo saharauí
A Casa das Máquinas acollerá este sábado o ciclo de conversas 'Arredor do té', centrado na situación dos campamentos de Tinduf, os dereitos humanos e o papel das mulleres na resistencia

Coincidindo co Día das Persoas Refuxiadas, a Casa das Máquinas acollerá o sábado, 20 de xuño, o ciclo de conversas “Arredor do té”, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a Delegación Saharauí en Galicia e SOGAPS, en colaboración coa UAMI, a Unidade Municipal de Atención ás Migracións. O obxectivo da iniciativa, que comezará ás 11.30 horas con entrada libre, é sensibilizar sobre a situación do pobo saharauí, combatendo a desinformación e visibilizando o papel da muller.
“Arredor do té” é unha actividade na que activistas saharauís explican a realidade do seu pobo, cando se está a conmemorar o 50º aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática (RASD). Segundo a tradición, no deserto do Sáhara hai que tomar tres vasos consecutivos de té: o primeiro é amargo como a vida, o segundo doce como o amor e o terceiro suave como a morte. Ofrecer esta bebida é un xesto de xenerosidade e aceptalo é un sinal de cortesía. A persoa que ten a honra de preparar o té adoita ser boa conversadora e, neste caso, achegará un testemuño directo sobre a situación do pobo saharauí e as difíciles condicións de vida nos campamentos de persoas refuxiadas de Tinduf (Alxeria).
Combater a desinformación, visibilizar a historia do Sáhara Occidental como provincia española e denunciar a ocupación marroquí e máis as violacións de dereitos humanos son algúns dos obxectivos desta actividade, organizada en colaboración coa Delegación da RASD en Galicia e coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, SOGAPS. Ao mesmo tempo, búscase dar a coñecer o papel das mulleres na resistencia e poñer en valor a interculturalidade, así como divulgar os programas de apoio existentes.
Día das Persoas Refuxiadas
Nacións Unidas conmemora o vindeiro 20 de xuño o Día Mundial das Persoas Refuxiadas baixo o lema “Ata que todo o mundo estea a salvo”, en referencia ao compromiso da comunidade internacional para que as persoas que se ven obrigadas a fuxir poidan vivir con seguridade e dignidade. Na actualidade, máis de 117 millóns de persoas se atopan desprazadas pola forza en todo o mundo por causa da guerra, a persecución ou a violación dos seus dereitos, e o 70% son acollidas en países de renda media ou baixa.











