Os Premios Valedora do Pobo recoñecen catro traballos universitarios sobre igualdade, violencia de xénero e dereitos das mulleres
A sexta edición dos galardóns celébrase este venres na USC cun acto presidido pola Valedora do Pobo e a conselleira de Política Social e Igualdade

Os Premios Valedora do Pobo na súa sexta edición entregaranse este venres 19 de xuño no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas da USC nun acto que preside ás 11.30 horas a vicerreitora de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar da USC, Lorena Añón Loureiro, xunto coa Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, e a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García Martínez.
Na cerimonia interveñen tamén a directora de Igualdade da UVigo, Yolanda Rodríguez Castro, e a da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC, María José Abad López, e está prevista a conferencia de María Maneiro Maneiro, quen formou parte do equipo da Valedora do Pobo, titulada ‘Mulleres sen voz’.
Nesta ocasión, os premios aos traballos fin de grao concedéronse ex aequo aos traballos ‘De tercera a primera persona: la necesidad de un cambio en el relato artístico de la prostitución’, de Laura Carballido Méndez (Universidade de Santiago de Compostela) e ‘Violencia en la pornografía y su impacto en las prácticas sexuales de los jóvenes universitarios/as: Un estudio cualitativo en la UdC’, de Jimena Cardona Felipe (UDC).
Os premios aos traballos fin de máster tamén se reparten ex aequo en ‘La transposición anticipada de la Directiva (UE) 2024/1385 como vía para una protección integral frente a la violencia de género en España’ de Aldara Tubío Pereira, da USC, e ‘Los derechos afectivos y sexuales de las mujeres mayores: un estudio piloto en una gran urbe gallega y su área metropolitana’ de Genoveva Gundín González, da UDC.











