Galicia presenta o primeiro Plan Estratéxico da Industria Musical 2030 con dez accións prioritarias
O documento impulsado por AGEM, Xunta e USC prevé unha feira da música galega e novas medidas de profesionalización e financiamento do sector

O Plan estratéxico da industria musical de Galicia 2030, primeiro impulsado a nivel autonómico, foi presentado este xoves con 10 accións prioritarias entre os seus obxectivos. Unha delas será a creación dunha feira da música galega, que servirá como un espazo para "conversar e establecer sinerxías" e que integrará nela os Premios da Industria Musical de Galicia.
O documento foi impulsado pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) en colaboración coa Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Este tres entidades estiveron representadas na presentación celebrada este xoves na Sala Capitol, á que acudiron un centenar de representantes desta industria.
Segundo debullou a presidenta de AGEM, Patricia Hermida, o diagnóstico de partida era que existía "actividade, talento e identidade". "Pero había un acordo en que había que dar un salto a unha estrutura máis profesional, máis sustentable e coordinada", explicou.
Este documento, que destacou como o primeiro deste tipo en todo o Estado, é o resultado desa vontade no contexto dun ecosistema "cada vez máis dinámico, máis forte e con máis capacidade de proxección". Deste xeito, chamou aos asistentes a celebrar o traballo realizado e pediu a súa implicación para levalo a cabo.
O plan está vertebrado en cinco eixos estratéxicos, cada un con dúas accións prioritarias asociadas, entre as cales algunhas xa foron postas en marcha. A creación da feira enmárcase dentro da procura da consolidación da identidade e o recoñecemento, na que tamén entran os galardóns que xa celebraron unha edición e que se integrarán neste encontro.
Ambas as accións contarán cunha presentación propia o venres 26 de xuño. Segundo adiantou a presidenta de AGEM, o evento funcionará como un "centro neurálxico de medición de obxectivos" e servirá para "tomarlle o pulso" a como está a traballar o sector no marco do plan.
Ao mesmo tempo, impulsarán un rexistro oficial e catálogo público de espazos musicais de cara a realizar un "mapeo real" de recintos, espazos e lugares onde se poidan a levar as súas actividades.
Outra das accións xa cumpridas é o impulso da rede de salas e espazos de música en vivo, que ten asociada unha liña de subvencións e programacións convocada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Tamén se contempla o desenvolvemento dunha marca global que contribúa a presentar unha imaxe "cohesionada, plural e reconocible" e que axude a fixar os termos que manexa a propia industria. Nesta mesma liña, impulsarase un programa específico de apoio á innovación e á creación musical galega.
Profesionalización e financiamento
En relación á formación e profesionalización, o plan contempla a definición de itinerarios de formación para artistas e profesionais da industria de cara a resolver as dúbidas que poidan xurdir, por exemplo, na presentación de subvencións ou na tributación.
En paralelo, xa se iniciaron os traballos de coordinación para avanzar cara a un sistema de certificación profesional para facilitar os procesos de acreditación e reforzar a conexión entre formación, experiencia e empregabilidade.
Igualmente estanse revisando os procedementos de subvencións de todas a administración públicas para favorecer unha planificación plurianual, simplificar trámites e facilitar a participación de proxectos emerxentes. Dentro da liña de financiamento e responsabilidade, o plan buscará unha priorización de proxectos con igualdade, produción local e sustentabilidade.
Dous anos de traballo e reunións
O documento elaborouse durante dous anos de traballo, nos que se produciron sucesivas reunións convocadas por AGEM e na que estiveron representadas os diferentes do sector, como artistas, técnicos, empresas e salas -entre outros-, a través de varias asociacións.
Neste sentido, Hermida valorou o "encontro de vontades" producido: "Cremos que o valor real do documento é a participación colectiva". Esta é unha valoración compartida polo conselleiro, que lle deu valor a unha folla de ruta "compartida, realista e ambiciosa".
Neste proceso, diagnosticouse que a industria conta con activos -como a súa identidade propia, unha diversidade de estilos e escenas e ampla rede de eventos e espazos-, pero tamén con retos. Entre eles, unha fragmentación empresarial e organizativa "moi aburada" proxectos de tamaños pequeno e medio e dificultades para consolidar carreiras e talentos.
A catedrática de Econometría Isabel Neira, en representación do grupo de traballo da USC encargado, explicou que, por exemplo, o tamaño pequeno e medio das empresas (neste e outros sectores) pode ser unha ameaza, pero tamén unha fortaleza que leve á industria "onde ten que estar". "Xa está moi arriba, pero levala máis arriba", apreciou.
Do mesmo xeito, López Campos perfilouna como unha "ferramenta necesaria para pasar da vitalidade cultural á consolidación industrial". "O Plan estratéxico busca crear ou asentar as condicións para xerar máis valor cultural, máis emprego cualificado, máis estabilidade profesional, máis oportunidades empresariais, máis público e unha maior proxección exterior", destacou.














