UCIN propón crear a “Tarxeta Picheleira” para unificar servizos e beneficios municipais en Santiago
A iniciativa busca unificar o transporte e outros servizos nun único soporte para a veciñanza empadroada, con vantaxes en cultura, comercio e mobilidade
Desde UCIN Santiago propoñen a creación da Tarxeta Picheleira, unha tarxeta única destinada ás persoas empadroadas na cidade que permita unificar distintos servizos municipais nun único soporte físico e dixital.
A formación subliña que esta proposta non pretende modificar nin incumprir as condicións da nova concesión do transporte urbano xa adxudicada, senón complementala e mellorala desde o punto de vista da experiencia da cidadanía.
A Tarxeta Picheleira podería funcionar como soporte persoal e identificativo da veciñanza compostelá, permitindo cargar nela os títulos de transporte que mellor se adapten ás necesidades de cada usuario, sempre respectando as tarifas, bonos e condicións establecidas no contrato vixente do servizo de autobuses urbanos.
Deste xeito, unha única tarxeta permitiría acceder ao transporte público municipal sen necesidade de dispoñer de múltiples soportes, facilitando o seu uso especialmente ás persoas maiores, estudantes, persoas con mobilidade reducida e usuarios habituais.
Ademais da súa función no transporte urbano, a Tarxeta Picheleira podería incorporar progresivamente outras vantaxes e servizos municipais, converténdose nun verdadeiro carné da veciñanza de Santiago de Compostela.
Entre as posibilidades que expón UCIN destacan o acceso a descontos e promocións no comercio local adherido, beneficios en actividades culturais e deportivas municipais, acceso preferente a determinadas actividades organizadas polo Concello, participación en programas de fidelización do comercio compostelán, identificación para servizos municipais específicos e a integración futura con aplicación móbil e carteira dixital.
A medida, segundo a formación, permitiría reforzar o sentimento de pertenza á cidade ao tempo que impulsa o consumo de proximidade e moderniza a relación entre a administración local e a cidadanía.
UCIN lembra que moitas cidades españolas e europeas xa contan con sistemas semellantes que integran diferentes servizos públicos nun único soporte, simplificando trámites e mellorando a experiencia das persoas usuarias.
Desde a formación consideran que é o momento de dar un paso adiante e crear unha ferramenta útil, moderna e práctica que premie ás persoas que viven, traballan e contribúen diariamente ao desenvolvemento de Santiago de Compostela.













