Santiago reclama unha maior protección fronte ao maltrato ás persoas maiores
O Consello Municipal de Persoas Maiores aproba por unanimidade unha declaración institucional que condena calquera forma de abuso e pide unha lei integral de protección

O Consello Municipal de Persoas Maiores aprobou por unanimidade unha proposta de declaración institucional con motivo do Día Mundial da toma de conciencia do abuso e o maltrato na vellez, que se celebra o 15 de xuño co obxectivo de promover a saúde, o benestar e a dignidade das persoas maiores e sensibilizar á poboación sobre o maltrato neste grupo de idade. Tal e como explicou a concelleira María Rozas, a ONU pón o foco este ano “na prevención dunha realidade que ainda é moi ignorada, e da que poderían ser vítimas, segundo as estimacións de Nacións Unidas, unha de cada seis persoas maiores en todo o mundo”. Neste sentido, a tenenta de alcaldesa lembrou que “o maltrato ás persoas maiores é ainda moi pouco denunciado, e pode manifestarse en múltiples formas, non só en agresións físicas senón tamén en violencia psicolóxica, abusos económicos ou desatención”.
A través da declaración institucional, que será sometida á aprobación do Pleno da Corporación no mes de xuño, o Concello de Santiago expresará a súa máis absoluta e firme condena a calquera forma de maltrato, discriminación, desatención ou abuso cometido sobre as persoas maiores, tanto no ámbito familiar e persoal como no institucional; e ratificará o seu compromiso coa defensa dos dereitos e o benestar das persoas maiores e, polo tanto, co impulso de políticas públicas dirixidas a este colectivo, en especial ás persoas maiores en situación de vulnerabilidade. Ademais, a declaración institucional defende a tramitación dunha Lei de Protección Integral contra o Maltrato ás Persoas Maiores que estableza un marco xurídico que garanta a protección efectiva das persoas maiores fronte a calquera forma de maltrato, asegure o pleno exercicio dos seus dereitos, fortaleza os sistemas de detección denuncia e apoio ás vítimas, promova programas de sensibilización e prevención, e fomente a coordinación entre as diferentes administracións para desenvolver políticas eficaces nesta materia.
A petición para a aprobación dunha declaración institucional partiu da Plataforma de Pensionistas de Compostela. A súa presidenta, Manuela Fraguela, agradeceu a aprobación por unanimidade do texto no Consello de hoxe e expresou o seu desexo de que outros concellos sigan o exemplo de Santiago “porque é preciso darlle maior visibilidade a esta realidade tan ignorada”.
Pensións non contributivas
Na reunión do Consello tamén se acordou dirixir á Xunta de Galicia unha petición de elevar o importe do complemento autonómico das pensións non contributivas conforme ao IPC acumulado de 2008 a 2026. A concelleira de Dereitos Servizos Sociais explicou que este complemento “leva 18 anos conxelado en 218 euros anuais, e non cumpre o obxectivo de axudar ás 36.500 persoas beneficiarias das pensións non contributivas en Galicia”.











