O PSdeG esixe ao Concello de Santiago unha solución inmediata ante a folga da limpeza e conserxería nos colexios
Marta Abal reclama ao Goberno de Sanmartín que garanta o cumprimento do contrato e alerta do impacto no funcionamento dos centros e na conciliación das familias

O PSdeG esixe ao Goberno de Goretti Sanmartín que actúe de inmediato ante o conflito laboral que afecta ao servizo de conserxería e limpeza dos centros educativos de Santiago. A concelleira socialista Marta Abal reclama que o executivo municipal asuma a súa responsabilidade e garanta o cumprimento das condicións recollidas no contrato do servizo.
Abal advertiu de que a situación xa está a ter consecuencias no día a día dos centros, con cancelación de actividades extraescolares e dificultades para a conciliación das familias. Neste sentido, alertou do risco de que o próximo curso 2026-2027 poida comezar cunha folga indefinida se non se adopta unha solución inmediata.
A edil socialista considera que se trata dun servizo “vital e esencial” para o funcionamento dos colexios públicos e subliña que “sen limpeza e sen conserxería non hai normalidade nos centros”. Por iso, reclama ao Concello que esixa o cumprimento dos pregos á empresa adxudicataria e non se manteña á marxe dun conflito que afecta directamente á comunidade educativa.
Abal tamén puxo en valor o labor do persoal durante a pandemia, lembrando o seu papel fundamental para garantir a hixiene e a seguridade nos centros nun contexto especialmente complexo.
Finalmente, a concelleira socialista pediu ao Goberno local que actúe con urxencia para evitar que a situación se prolongue e derivar nunha folga indefinida no próximo curso.












