Máis de 160 escolares participan no XIX Certame Municipal de Danza Intercentros de Santiago
Compostela en Danza reúne alumnado de entre 3 e 18 anos de sete centros educativos con 17 coreografías traballadas durante o curso

Máis de 160 bailaríns e bailarinas de 3 a 18 anos, de sete centros escolares de Santiago porán en escena as 17 coreografías ensaiadas durante este curso escolar. Compostela en Danza aglutina cada curso aos grupos de escolares que practican esta modalidade artística como actividade extraescolar.
A iniciativa do XIX Certame Municipal de Danza Intercentros dá mostra do compromiso municipal coa promoción da danza, un encontro anual no que poden participar todos os grupos dos centros escolares do concello que o desexen, unha plataforma de exhibición, intercambio e convivencia artística, favorecendo a participación da comunidade e o recoñecemento do traballo desenvolvido ao longo do curso.
Para garantir o éxito destas actividades, o Concello pon a disposición os medios técnicos e o equipamento necesarios para o seu desenvolvemento, incluíndo espazos escénicos axeitados, sistemas de iluminación e son, persoal técnico especializado, infraestruturas de apoio e os recursos loxísticos precisos. Deste xeito, contribúe á difusión da danza, ao fortalecemento do tecido cultural local e á creación de oportunidades para que o alumnado poida amosar publicamente os coñecementos e habilidades adquiridos.
Este ano participan en total 164 bailaríns e bailarinas e asisten 960 persoas. Os destinatarios deste certame son as alumnas e alumnos de educación infantil, primaria e secundaria e as súas familias, pertencentes aos seguintes centros: CEIP López Ferreiro, CEIP Pío XII, CEIP Raíña Fabiola, CEIP Ramón Cabanillas, CEIP Arquitecto Casas Novoa, CEIP Cardenal Quiroga Palacios, C. Manuel Peleteiro e ex alumnas dos certames anteriores.












