A Real Filharmonía de Galicia lánzase a un verán sen fronteiras: de Santiago a Portugal e aos grandes festivais
A orquestra presenta a súa programación estival 2026 con concertos nos barrios de Compostela, presenza en Espinho e participación no Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest e o Festival Bal y Gay

A Real Filharmonía de Galicia presenta a súa programación de verán de 2026 cun percorrido que reafirma o compromiso da institución coa difusión da música clásica, a apertura a novos públicos e a proxección da orquestra dentro e fóra de Galicia. Entre os meses de xuño e agosto, a RFG ofrecerá concertos en distintos espazos de Santiago de Compostela e participará en citas destacadas como o Festival Internacional de Música de Espinho, o Noia Harp Fest, o Galicia Clarinet Fest ou o Festival Bal y Gay.
A programación estival da RFG continúa afondando nun dos principais obxectivos da orquestra: expandir a música máis alá dos auditorios convencionais e fortalecer o vínculo coa cidadanía a través de propostas accesibles, abertas e presentes en múltiples contextos culturais e territoriais. Ao mesmo tempo, a presenza da formación en Portugal e en diferentes localidades galegas consolida a vontade da Real Filharmonía de seguir ampliando fronteiras e proxectando a identidade musical de Santiago e de Galicia no exterior.
A programación arrancará os días 11 e 12 de xuño cos “Concertos nos Barrios”, que terán lugar na Casa das Máquinas de Galeras e na Igrexa de Santa María da Mercé de Conxo. Estes concertos marcarán o debut oficial de César Ramos como director asistente da Real Filharmonía de Galicia na anualidade 2026-2027. Ademais, contarán coa participación do alumnado da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) como solistas, nunha iniciativa que reforza a colaboración entre ambas institucións e aposta pola formación e proxección das novas xeracións de intérpretes.
O 18 de xuño, o Auditorio de Galicia acollerá o concerto de presentación da temporada 2026-2027 da Real Filharmonía de Galicia, unha cita especial na que a orquestra, baixo a dirección de Baldur Brönnimann, ofrecerá un programa sorpresa no que tamén se desvelarán as principais liñas artísticas e propostas da nova temporada.
A dimensión internacional desta xira de verán terá unha das súas citas máis relevantes o 20 de xuño coa participación da RFG no Festival Internacional de Música de Espinho, en Portugal, nun concerto dirixido tamén por Baldur Brönnimann. A presenza da formación compostelá nesta destacada cita europea reforza a proxección exterior da orquestra e o seu papel como embaixadora cultural de Galicia.
Xa no mes de xullo, a Real Filharmonía ofrecerá un concerto na Igrexa de Santo Agostiño de Santiago de Compostela antes dunha das citas máis emblemáticas do calendario musical galego: o tradicional concerto das Festas do Apóstolo na Praza da Quintana, que volverá reunir a milleiros de persoas arredor da música sinfónica nun espazo único do patrimonio compostelán. Baldur Brönnimann será o encargado de dirixir este concerto tan especial e simbólico para a cidade.
A xira continuará posteriormente coa participación da RFG no Noia Harp Fest, no Galicia Clarinet Fest de Lalín e no Festival Bal y Gay en Ribadeo, consolidando así a presenza da orquestra nos principais festivais musicais do verán galego.











