Borja Verea pide no Parlamento unha nova etapa de confianza para o turismo en Santiago
O deputado popular reclama recuperar a ambición e o orgullo de cidade e acusa ao goberno local de manter unha visión “negativa” do sector turístico

Borja Verea reclamou no Parlamento de Galicia unha nova etapa para Santiago baseada na confianza, a ambición e o orgullo de cidade, tras advertir da evolución negativa dos principais indicadores turísticos da capital galega nos últimos meses.
Durante a súa intervención, o deputado popular sinalou que os últimos datos turísticos son “moi preocupantes” e lembrou que Compostela foi a cidade española na que máis caeu a rendibilidade hoteleira ata abril, ademais de rexistrar descensos en ocupación, pernoctacións e actividade turística.
Ante esta situación, Verea considerou que “xa vai sendo hora de dicir algo con claridade: o turismo non é un inimigo de Santiago”, senón unha actividade que forma parte da identidade e da economía da cidade, ademais de sustento para miles de familias.
O parlamentario criticou a postura do goberno local, ao que acusou de estar “instalado permanentemente na sospeita cara ao turismo” e de priorizar, ao seu xuízo, mensaxes negativas fronte a unha estratexia máis ambiciosa para a cidade.
“Santiago non pode resignarse a perder peso turístico mentres outras cidades avanzan”, advertiu Verea, que defendeu a necesidade de ordenar a actividade turística, protexer o casco histórico e garantir a convivencia veciñal, ao tempo que se apoia o emprego, a hostalaría e o comercio.
O deputado popular defendeu un modelo de cidade “aberta, viva e con confianza en si mesma”, que volva atraer visitantes e recuperar impulso económico e social.“ Porque o peor que lle pode pasar a Santiago é seguir pensando en pequeno”, concluíu.











