O espolio artístico e o Pazo de Meirás centran as xornadas 'Arte e Espolio' no Museo do Pobo Galego
O programa, enmarcado en 'Compostela é Memoria', reúne este xoves tres palestras sobre patrimonio incautado, os mosteiros de Carboeiro e Antealtares ou a Casa Cornide

Despois da sesión inaugural centrada na incautación de bens artísticos durante o nazismo e o franquismo celebrada o pasado sábado, as xornadas continúan na tarde deste xoves coa participación de Francisco Prado-Villar, que falará do Mosteiro de Carboeiro e as columnas de Antealtares; Alfredo Vigo Trasancos, que afondará no caso da Casa Cornide; e Manuel Pérez Lorenzo, Jesús Ángel Sánchez García e Carlos Babío, sobre o Pazo de Meirás.
A actividade celébrase no auditorio do Museo do Pobo Galego a partir das 16.30 horas deste xoves 11 de xuño con entrada aberta e de balde ata completar aforo e será retransmitida por streaming a través da canle de YouTube do Concello de Santiago.
As xornadas ‘Arte e Espolio. En torno ás estatuas do Mestre Mateo’ están organizadas polo Concello de Santiago dentro do programa ‘Compostela é Memoria’, en colaboración co Museo do Pobo Galego e constan de tres sesións, os días 6, 11 e 17 de xuño. A última xornada abordará a cuestión de onde deben ficar as estatuas do Mestre Mateo de xeito permanente.
Tres palestras
A primeira das conferencias deste xoves leva por título Mosteiro de Carboeiro e Columnas de Antealtares é terá lugar a partir das 16.30 horas a cargo de Francisco Prado-Villar, con presentación a da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. Prado-Villar falará sobre a investigación, o espolio e a recuperación patrimonial centrada nos casos dos mosteiros de Carboeiro e Antealtares, dúas investigacións centradas na historia, dispersión e recuperación de pezas fundamentais do patrimonio medieval galego. A través da análise de documentación inédita e fotografías históricas, reconstruiranse as circunstancias que levaron á saída destas obras dos seus contextos orixinais e os procesos para recuperar a súa historia. A conferencia abordará o papel da investigación histórica na identificación, documentación e recuperación do patrimonio disperso, mostrando como o traballo nos arquivos pode contribuír de maneira decisiva á protección, valorización e restitución da memoria patrimonial.
Xa sobre as 17.45 horas, a historiadora de arte e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego Mercedes Rozas dará paso a Alfredo Vigo Trasancos, quen abordará o caso da Casa Cornide da Coruña, que foi no seu día propiedade e residencia particular do recoñecido polígrafo José Cornide. Tratarase o gran valor do edificio a nivel artístico, arquitectónico e cultural, por cuxa razón foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia no ano 2023. Tamén se explicará todo o proceso que se desencadeou ao cabo da década de 1950, para que a casa señorial coruñesa pasase a mans de Carmen Polo e Martínez Valdés, esposa do entón ditador e xefe de Estado, Francisco Franco, o que constitúe un feito insólito.
A última das palestras da xornada deste xoves será presentada pola concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao, a partir das 19.30 horas, e centrarase no proceso de recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público, coa intervención de Manuel Pérez Lorenzo, Jesús Ángel Sánchez García e Carlos Babío. Estes tres expertos analizarán cuestións coma a maneira na que chega o Pazo a mans dos Franco, por que se transmite en herdanza ou que consideración lle outorgan as institucións públicas e como o xestionan. Tamén se analizarán as orixes das Torres de Meirás mais aló dos antecedentes históricos como vello solar familiar dos Pardo Bazán
O caso do Pazo de Meirás permite analizar a construción simbólica do espolio; o papel decisivo do arquivo e a historiografía no proceso xurídico; a transición da propiedade privada ao dominio público: e os límites da recuperación unha vez executada, especialmente no plano simbólico.











