Santiago énchese de ritmo: un festival transforma a cidade no epicentro da percusión afrobrasileira esta fin de semana
O ‘BateBatuke’ celebra a súa 15ª edición con obradoiros, espectáculos, DJ e un gran pasarrúas pola zona vella que pechará tres días de actividade cultural en Compostela

En varias localizacións do concello, chega esta fin de semana a décimo quinta edición do festival de percusión afrobrasileiro ‘BateBatuke’, organizado pola Asociación Cultural Trópico de Grelos co apoio da Concellaría de Capital Cultural.
Trátase dun festival pioneiro na súa creación no ano 2009, referente no ámbito territorial do noroeste da península ibérica que acabou inspirando a creación doutros festivais como a Xuntanza Batukeira de Retumbatuke (Pontedeume, 2014), Apertuke de Aperta (Baiona, 2018) Puxa Batuque (Oviedo, 2018) ou o Ruxe Marín de Axé Bahía (Marín, 2019).
Nesta edición, participarán Uxúa Echeverría (percursión afrobasileira) e Lizandra Duarte (danza afrobrasileira) no marco dunha programación que inclúe obradoiros, actuacións e espectáculos e un pasarrúas final pola zona vella compostelá o domingo día 14. En anteriores edicións, este certame contou con referentes da percusión e da danza afrobrasileira como Mario Pam, Crá Rosa, Antonio Monedero, Javier Iglesias, Junior Souza, Humberto Morales, Allison Adesida ou Adriana Portela, entre outros.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, destactou a diversidade e pluralidade da actividade cultural de Compostela que cada día e, especialmente as fins de semana, ofrecen unha ampla variedade de eventos. Louzao destacou o impulso do goberno local á expansión da cultura por todos os barrios baixo a concepción de ser un dereito ao que todo o mundo debe ter acceso.
Programación
O venres 12, no CX Don Bosco desenvolverase ás 19.30 horas un obradoiro de danza con tambor a cargo de Lizandra Duarte.
O sábado 13, no CX Don Bosco haberá ás 10.30 horas un obradoiro de percusión afrobrasileira con Uxúa Echeverría e ás 11.30 horas un obradoiro de danza afrobrasileira con Lizandra Duarte. Ás 13.30 horas celebrarase unha sesión vermú e xantar a prezos populares.
A partir das 16.00 horas e ata as 21.00 horas terán lugar actuacións de percusión afrobrasileira, circo e danza.
No Café Camalea está prevista entre as 21.45 e as 23.00 horas unha sesión DJ e un obradoiro aberto de dancehall. A xornada rematará na Sala Fantástica ás 23.45 horas coa festa BateBatuke 2026.
Finalmente, o domingo 14 ás 13.30 horas celebrarase un pasarrúas de percusión e danza afrobrasileira pola zona vella, con saída na Praza de Praterías e chegada á Praza do Toural.












