Rodrigo Seoane representará a Santiago na final do Mellor Cociñeiro de Tapas de Galicia
O chef de Artesana Gastrobar competirá o 30 de xuño coa tapa Castelo da Rocha na gala Sete Cidades, Sete Sabores 2026

Santiago de Compostela estará representada por Rodrigo Seoane, chef de Artesana Gastrobar, na décima edición da gala Mellor Cociñeiro de Tapas Sete Cidades, Sete Sabores, que se celebrará o próximo 30 de xuño na Cidade da Cultura.
A iniciativa, impulsada por Turismo de Galicia, reunirá a sete cociñeiros, un por cada cidade galega, nun certame que busca poñer en valor a gastronomía urbana e a diversidade culinaria do territorio. Ademais de promover o talento gastronómico, o evento pretende reforzar o atractivo turístico das cidades galegas a través da súa oferta gastronómica.
Seoane competirá coa tapa 'Castelo da Rocha', unha creación inspirada na fortaleza da súa vila natal e nos recordos da infancia. A proposta combina un estofado tradicional de coello cociñado lentamente, presentado en forma de gyoza ao vapor, acompañado dunha salsa reducida con notas de yuzu e follas de limón, escuma de charouvía e sete especias xaponesas.
O cociñeiro compostelán conta cunha ampla experiencia profesional, con catorce anos traballando en hoteis de cinco estrelas nas Illas Baleares. Tras regresar a Galicia colaborou coa chef Lucía Freitas antes de asumir a xefatura de cociña de Artesana Gastrobar.
Na final tamén participarán representantes da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Os concursantes optarán a dous galardóns: o premio do xurado profesional e o do público asistente, que valorarán aspectos como a creatividade, a técnica, a presentación e o sabor das elaboracións.











