O Teatro Principal acollerá a VIII Mostra de Teatro dos Centros Socioculturais de Santiago do 8 ao 13 de xuño
A programación reunirá grupos de teatro amador de distintos barrios da cidade e pecharase cunha gala de clausura e un obradoiro de improvisación conducido por Antón Coucheiro

O Teatro Principal acollerá a próxima semana, do 8 ao 13 de xuño, a VIII Mostra de Teatro dos Centros Socioculturais, unha actividade que ten como obxectivo dar a coñecer e poñer en valor o traballo dos grupos de teatro amador da rede de CSC. O concelleiro Xan Duro presentou hoxe o programa, acompañado polo seu coordinador, Artur Trillo, de Talía Teatro.
O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais explicou que a mostra “será o colofón ao traballo que os grupos de teatro amador, tanto de rapazada como de adultos, realizaron ao longo de todo o curso”. Ademais, salientou que “coa súa celebración no espazo escénico de referencia, o festival permite abrir á cidade a actividade teatral que se desenvolve na rede de CSC e poñer en valor o teatro amador, e tamén abrir vías de interacción entre os grupos de teatro afeccionado dos diferentes barrios”.
Pola súa banda, o coordinador da mostra salientou que “cada ano son máis os centros que participan nesta iniciativa, nesta edición coa incorporación do grupo do CSC de Amio”. Artur Trillo insistiu en que “o importante desta mostra non é tanto o resultado como o proceso, todo o traballo previo que fan os grupos para chegar a subir a un escenario tan importante como é o do Teatro Principal”.
Programación
Na VIII Mostra de Teatro da Rede de Centros Socioculturais participarán grupos vinculados aos centros socioculturais da Rocha, Vite, Amio, O Romaño, Santa Marta, As Fontiñas. Ensanche e Conxo.
As representacións comezarán o luns, con pases ás 19.00 e as 20.30 horas. Na primeira das xornadas participarán o grupo de teatro do CSC da Rocha, que porá en escena a obra “A Homenaxe”, e posteriormente o club do CSC de Vite representará “Xogo de damas”. Ao día seguinte será o turno do club de teatro do CSC de Amio, con “O gurruño”, e do grupo do CSC do Romaño, con “G9. Congreso anual de sexo”. O mércores 10 actuarán os clubs de teatro de Santa Marta, con “Cancións para dicir adeus” e “Eloísa está debaixo da amendoeira”.
O xoves os dous pases correrán a cargo dos grupos do CSC de Fontiñas, “Pequeno retablo de verdades e mentiras” e “Os extras”; e o venres actuarán o club de teatro do CSC de Santa Marta con “Por un puñado de votos”; e o do Ensanche, con “Ódiote… odio”. A VIII Mostra de Teatro pecharase o sábado 13, coa actuación dos diferentes clubs de teatro do CSC de Conxo, a partir das 11.00 horas.
Gala de clausura e obradoiro de improvisación
A XVIII Mostra de Teatro pecharase cunha gala conducida por Antón Coucheiro, que previamente dirixirá pola mañá un obradoiro de improvisación no que poderán participar dúas persoas de cada un dos grupos participantes na actividade. O peche será no Teatro Principal a partir das 18.00 horas.
A entrada para todas as funcións é libre ata completar aforo. As portas do Teatro Principal abrirán 15 minutos antes do pase, salvo para a gala de clausura, na que a apertura será con media hora de antelación.













