A USC celebra a Semana Internacional dos Arquivos cunha xornada científica sobre os vínculos históricos entre Galicia e Portugal
O Arquivo Histórico Universitario organiza do 8 ao 14 de xuño unha programación con exposición e encontro académico centrado na mobilidade e os intercambios transfronteirizos

O Arquivo Histórico Universitario da USC celebra do 8 ao 14 de xuño a Semana Internacional dos Arquivos cunha exposición temporal e unha xornada científica o martes 9 en colaboración co Grupo de Investigación do Departamento de Historia Moderna da Facultade de Xeografía e Historia da USC que leva por título ‘Galicia e Portugal: vínculos históricos e fontes documentais para o seu estudo’.
A xornada pretende dar a coñecer o traballo que están a levar a cabo varios estudosos da USC para o proxecto de investigación internacional ‘Entre España y Portugal (1640-finais do Antigo Réxime). Mobilidade transfronteiriza, circuítos económicos e culturais’. O proxecto estrutúrase en varias liñas de estudo como son a emigración laboral (1640-1807), a mobilidade feminina, a emigración ilegal, os intercambios económicos (a través do estudo do comercio marítimo e terrestre) e finalmente, o fomento de redes de cooperación internacionais, a difusión do patrimonio material e inmaterial a un lado e ao outro da raia fronteiriza e a recuperación da memoria histórica da emigración a Portugal.
Así mesmo, o Arquivo Histórico da USC está a formar parte deste proxecto en atención aos relevantes fondos documentais que custodia de interese para os estudos específicos que se desenvolven no marco deste plan de investigación e que serán obxecto de divulgación pública na xornada, tanto por parte dos relatores como de maneira particular a través da mostra que estará accesible ao público no andar baixo do Arquivo desde o 8 ata o 12 de xuño en horario de 9.30 a 14.00 horas e que contará con documentos pertencentes ao fondo do Hospital Real de Santiago, da Capitanía Xeral de Galicia, ao fondo de protocolos notariais de varios distritos, da colección de mapas, planos e cartas náuticas, dos arquivos de empresa, do concello de Santiago, do fondo de Clero así como do propio fondo universitario.











