María Rozas destaca o compromiso social da Maker Faire Galicia na apertura da súa XII edición
O evento reúne en Santiago a máis de 150 participantes de distintos países e reivindica a tecnoloxía como ferramenta de inclusión, innovación e coñecemento compartido

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude puxo en valor “o compromiso e a consciencia social da Maker Faire Galicia, fiel á filosofía do movemento maker que reivindica o coñecemento compartido, a democratización da tecnoloxía e o aprender facendo”.
María Rozas ratificou o apoio do Concello de Santiago a este evento “que mostra o Santiago do que nos sentimos orgullosas, pón en evidencia o potencial da nosa cidade, e amosa unha Compostela moderna, heteroxénea, innovadora e inclusiva”.
A do Emprendemento e a Innovación Social é a primeira das tres xornadas da Maker Faire Galicia, que chega á súa XII edición consolidada como evento de referencia do ámbito da innovación, non só en Galicia senón no conxunto do Estado.
No evento de hoxe participan máis de 150 maker, chegados de diferentes países do mundo. A programación complétase con obradoiros para todos os públicos, moitos deles pensados para achegar o coñecemento tecnolóxico ao público infantil; e ponencias que este ano poñen o foco no uso da tecnoloxía para mellorar a inclusión e a vida de colectivos como o das persoas con discapacidade.
Tras a xornada de hoxe, a Maker Faire Galicia celebrará outras dúas xornadas na Casa das Máquinas: o 9 de outubro, centrada na Industria; e o 20 de novembro, coa xornada dos Oficios.
A Maker Faire Galicia conta co apoio do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia e organízase e opera de forma independente baixo a licenza de Make Community LLC, mantendo o seu compromiso de fomentar a creatividade, a innovación e o talento na comunidade maker.










