A USC e SunRock lanzan unha Unidade Mixta para impulsar novas terapias biolóxicas en oncoloxía e enfermidades inflamatorias
O proxecto público-privado contará cun investimento de máis de 2,7 millóns de euros e combinará capacidades da universidade e da biotecnolóxica SunRock

A nova Unidade Mixta SunRock-USC Biopharma presentouse este xoves no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC nun acto institucional no que participaron a vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta, Almudena Hospido; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o director da Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Benito Fernández; os representantes da compañía biotecnológica SunRock Laureano Simón e Pablo Garrido; e a directora científica do CiMUS, Mabel Loza.
Responsables desta iniciativa público-privada centrada en acelerar o desenvolvemento de novas terapias biolóxicas en oncoloxía e enfermidades inflamatorias inmunomediadas con necesidades clínicas non cubertas deron a coñecer os seus obxectivos e o plan de traballo a medio prazo. A Unidade Mixta sitúa SunRock como socio empresarial tractor do proxecto e como compañía responsable de orientar a xeración de resultados cara a decisións de desenvolvemento, valorización e licencia.
A unidade mixta contará cun orzamento total de 2.728.106 euros durante case tres anos e está cofinanciada nun 60% con fondos estruturais da Unión Europea ao amparo do programa Galicia Feder 2021-2027. O financiamento permitirá despregar capacidades académicas e preclínicas da USC sobre programas biolóxicos de alto potencial promovidos por SunRock, reforzando o papel de Galicia na creación de activos terapéuticos transferibles ao mercado farmacéutico global.
A iniciativa está coordinada pola profesora Mabel Loza, directora científica do CiMUS, unha coordinación que se integrará coa dirección estratéxica e de desenvolvemento de SunRock Biopharma, que achegará os seus programas, a súa experiencia en anticorpos terapéuticos e a súa orientación ao partnering internacional e reúne tres grupos de investigación do centro: a plataforma de cribado de fármacos e farmacoxenómica Innopharma do ERIC EU-OPENSCREEN liderada por Mabel Loza, o Grupo Ciclo Celular e Oncoloxía que dirixe Anxo Vidal dedicado á identificación e validación de novas estratexias terapéuticas en cancro, e o Laboratorio de Biomarcadores de Imaxe Molecular e Teragnose, dirixido por Pablo Aguiar, que achega experiencia no estudo da biodistribución e a farmacocinética de fármacos mediante técnicas avanzadas de imaxe molecular e radiomarcaxe.
Estas capacidades compleméntanse coa participación do Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA), unha infraestrutura singular da USC con capacidades científico-técnicas no uso de modelos animais e investigación preclínica únicas en todo o noroeste peninsular. Para SunRock, esta integración é clave porque permite conectar deseño molecular, validación funcional, biodistribución, farmacocinética e modelos preclínicos nun mesmo ecosistema operativo.
Ademais, esta Unidade Mixta conta coa colaboración da Fundación Kærtor, a través do convenio entre a USC e a propia Kærtor para colaborar en investigación e transferencia no ámbito do descubrimento de fármacos, e entre cuxas actividades se atopa precisamente potenciar a investigación preclínica pre-regulatoria en Galicia.











