Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

'Iribarne' regresa a Santiago na súa xira de despedida co Auditorio de Galicia como última parada na cidade

A peza sobre a figura de Manuel Fraga, multipremiada nos Premios María Casares, chega este sábado a Compostela nunha función que pecha o seu percorrido pola xira galega e estatal

A obra 'Iribarne, da compañía ButacaZero, represéntase este sábado 6 de xuño ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia dentro da súa xira de despedida
A obra 'Iribarne, da compañía ButacaZero, represéntase este sábado 6 de xuño ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia dentro da súa xira de despedida
Concello de Santiago
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

'Iribarne', o espectáculo de ButacaZero arredor da figura de Manuel Fraga, volve facer parada en Compostela dentro da súa xira de despedida. A función será este sábado, 6 de xuño, ás 20.30 horas, no Auditorio de Galicia.

Escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira, a peza é unha coprodución co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia. A montaxe propón unha revisión crítica, irreverente e profundamente teatral dunha das figuras máis determinantes da historia política recente, desde o humor e desde unha mirada contemporánea.

Tras a súa estrea e a súa ampla xira por Galicia e por diferentes cidades do Estado, 'Iribarne' consolidouse como un dos grandes fenómenos do teatro galego dos últimos anos. O espectáculo foi o gran triunfador dos XXIX Premios de Teatro María Casares, nos que acadou 9 galardóns dos 12 aos que optaba, entre eles os de mellor espectáculo, mellor dirección para Xavier Castiñeira e mellor texto orixinal para Esther F. Carrodeguas.

A obra constrúese en tres episodios que percorren a evolución política do Estado, desde o franquismo e a Transición ata a democracia e o período de hexemonía de Fraga en Galicia. Non se trata, con todo, dun biopic nin dunha lección de historia, senón dunha proposta coral, frenética e chea de humor que se pregunta como chegamos ata aquí a través dun personaxe tan complexo como inabarcable.

O elenco está integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga, que se van dando o relevo para interpretar ao protagonista. A escena convoca episodios políticos, iconas pop e referencias culturais de distintas épocas, nun xogo teatral que combina memoria, sátira e reflexión.

Completan o equipo artístico Diego Valeiras, responsable do espazo escénico xunto a Xavier Castiñeira e tamén do vestiario; Diego Vilar, á fronte da iluminación; Pablo Fontenla, na parte audiovisual; Sabela Domínguez, na dirección de movemento; e Berto, creador do espazo sonoro e da banda sonora orixinal, que inclúe o tema WHO THE FCK IS IRIBARNE?*

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620