O peso da tradición marca tres xeracións de mulleres en “Un Deus que non baila”
A primeira longametraxe de Pedro Díaz afonda nos vínculos familiares, a tradición e o cambio na Galicia dos anos 90

Galicia é unha terra de mulleres, de tradición e de legado. Tamén dunha cultura propia que marca o camiño de quen a habita e deixa pegada xeración tras xeración. Esa identidade, construída entre os afectos, a relixión, a familia e a vida comunitaria, é o punto de partida de Un Deus que non baila, a primeira longametraxe do director amesán Pedro Díaz.
O cineasta regresou á súa terra, aos arredores do seu Proupín natal, do Val da Maía e a distintos puntos da comarca compostelá, para construír unha historia ambientada na Galicia de finais dos anos noventa. Un tempo de transición no que o peso da tradición convivía coa chegada de novas formas de pensar e entender o mundo.
“Quería falar de quen somos e de por que somos como somos”, explicou Díaz durante a visita á rodaxe. O director definiu a película como un retrato das familias galegas dunha época marcada pola influencia da relixión, os condicionamentos históricos e culturais e a chegada progresiva da modernidade. Unha historia que pretende analizar o peso da tradición na forma de vivir e relacionarse, non para rompela, senón para comprendela e reinterpretala.
A historia xira arredor de tres xeracións dunha familia formada unicamente por mulleres. Lola, unha nena de doce anos apaixonada polo fútbol, nunca chegou a facer a comuñón cando lle correspondía pola súa idade.
Agora, a enfermidade da súa avoa e a proximidade da morte fan que nai e neta se propoñan cumprir un dos seus maiores desexos: vela celebrar ese momento. A partir dese punto, a película afonda nos afectos familiares, no peso da tradición e nas distintas formas de entender a vida que conviven entre tres xeracións de mulleres.
Irea Chouza interpreta a Lola no que supón a súa primeira experiencia diante das cámaras. Acompáñana María Vázquez, no papel da nai, Ana Santos como avoa e Bruna Cusí, que dá vida a Sor Sofía, unha monxa que chega á aldea para axudar á familia e que acabará alterando as dinámicas e rutinas establecidas.
“Hai catro mulleres que comezan a darse conta de que queren ocupar outros espazos, ao mellor para elas xa non é posible, pero ven nunha nena de doce anos a posibilidade de que si o consiga... e mira aínda, estamos en 2026 e queda moito por facer”, comenta María Vázquez.
Precisamente a tradición é un dos grandes eixos do relato. O director, Pedro Díaz, explicou que a obra afonda nas tensións entre xeracións femininas e na forma na que a herdanza cultural condiciona os roles e as expectativas vitais. “Somos unha terra de mulleres, de feminidade. A película fala dos afectos, do amor, pero tamén dos sufrimentos que había detrás de moitas tradicións que condicionaban especialmente ás mulleres”, engadiu.
A lingua como identidade
O galego ocupa tamén un papel central no proxecto. O director recoñeceu que a procura da protagonista prolongouse durante máis de dous anos pola dificultade para atopar unha rapaza que transmitise naturalidade interpretativa en galego.
“Estamos mostrando unha realidade e unha adolescencia que se está perdendo en Galicia, en parte porque se está perdendo a nosa lingua. Había nenas que tiñan unha verdade marabillosa en castelán, pero perdíana cando falaban galego”, explicou.
Finalmente, a elección recaeu en Irea Chouza, da que destacou “unha fala fermosa e unha personalidade arrolladora”.
“É unha película sobre o noso territorio, a nosa xente e a nosa lingua. Non podería ser doutro xeito”, afirmou Díaz, convencido de que o galego era a única lingua posible para contar esta historia.
A rodaxe desenvólvese estes días na igrexa de San Xoán de Roo, en Outes, onde se recrea unha das escenas centrais da película, a comuñón. Ademais, o filme rodouse en diferentes localizacións da zona de Santiago, entre elas a capital galega, Brión, Bastavales, Ames, Negreira, A Baña e Coristanco.
A longametraxe é unha coprodución hispano-portuguesa de Mandrágora Cinema, Salon Indien Films, Matriuska Producciones e Nu Boyana Portugal, en colaboración con RTVE e Movistar+. O proxecto conta co financiamento do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Comunidade de Madrid, ademais dunha axuda de 350.000 euros da Xunta de Galicia a través da liña de subvencións para a atracción de rodaxes.













