D’Aldea e Abeiratúa centran a campaña '12 Comercios, 12 Sensibilidades' na saúde e os coidados durante o mes de xuño
A programación inclúe charlas sobre exercicio físico e benestar, ademais de actividades ao aire libre como un baño de bosque e unha andaina por Compostela

A campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” vai poñer o foco na saúde e os coidados no mes de xuño, grazas á colaboración entre a tenda de alimentación D´Aldea e a asociación Abeiratúa. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe as actividades do mes, poñendo unha vez máis en valor o compromiso social do tecido comercial de Santiago e o traballo que realiza o terceiro sector no noso municipio.
María Rozas presentou as actividades do mes de xuño na campaña acompañada de Raquel Ríos da tenda de alimentación D´Aldea, especializada en productos de proximidade e ecolóxicos, e Marina Ferradás, da asociación Abeiratúa que traballa para mellorar a calidade de vida das pacientes oncolóxicas, sobre todo a través do exercicio físico.
Charlas sobre saúde
A tenenta de alcaldesa salientou que a colaboración deste mes chega cargada de actividades, con charlas que se celebrarán en D´Aldea e que estarán centradas sobre todo na saúde “e abordando cuestións sobre as que ainda non se fala todo o necesario, como poden ser a importancia de coidar o solo pélvico ou os efectos dos disruptores endocrinos”. Tamén puxo en valor que haberá accións de carácter máis lúdico e ao aire libre, “que tamén servirán para aprender, pero sobre todo para crear comunidade”.
A programación do mes comezará o próximo luns 8 de xuño, cunha charla sobre o virus do papiloma humano que correrá a cargo da médica Paula Lado e da matrona Cristina Portos. Será a partir das 20.00 horas. Tamén na tenda, están previstas outras conferencias sobre a importancia da fisioterapia en pacientes oncolóxicos e o coidado do solo pélvico, o día 15; e sobre disruptores endocrinos e cosmética libre, o día 22.
En canto ás actividades ao aire libre, o 23 de xuño está previsto un baño de bosque, coincidindo coa festividad de San Xoán; e o día 26 haberá unha andaina para descubrir os segredos de Compostela. A responsable de D´Aldea, Raquel Ríos, explicou que esta actividade estará chea de sorpresas “para pechar a participación na campaña, na que o establecemento participa por segundo ano consecutivo”.
Como é habitual, na tenda da Avenida Rosalía de Castro haberá un stand informativo sobre as actividades de Abeiratúa, e tamén está previsto un sorteo de vales, tanto para mercar en D´Aldea como para asistir a unha clase da asociación.











