A USC gradúa a primeira promoción do Grao en Intelixencia Artificial
A universidade consolida un modelo formativo pioneiro en Galicia con 30 entidades colaboradoras e o apoio do CiTIUS na docencia e na investigación

Cando o Grao en Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago de Compostela iniciou a súa andaina no curso 2022-2023, a intelixencia artificial comezaba a consolidarse como unha das tecnoloxías con maior potencial transformador para a economía e a sociedade.
Catro anos despois, coincidindo coa aposta de empresas, administracións públicas e organizacións de todo tipo por acelerar a incorporación destas ferramentas aos seus procesos, a USC celebra a consecución dun fito: o fin da etapa formativa da primeira promoción de profesionais formados especificamente para enfrontar os retos desta nova era tecnolóxica.
Unha efeméride especialmente sinalada e simbólica, coa que a institución pretende evidenciar a consolidación dun modelo formativo que apostou desde os seus inicios por combinar excelencia académica, investigación de vangarda e contacto directo cos desafíos reais da contorna profesional.
Ecosistema de colaboración
Formar especialistas en IA por primeira vez na historia de Galicia supuxo un reto de enorme magnitude para todas as persoas implicadas no proceso de construción da titulación. E entre todos os matices que acabaron por dar forma ao itinerario formativo desta xeración de novos profesionais, un dos trazos diferenciais foi a estreita colaboración establecida entre a USC e o tecido socioeconómico. A través da Rede ECIA (Entidades Colaboradoras na Formación en Intelixencia Artificial), formada por un total de 30 organizacións, distintas empresas, administracións públicas, centros tecnolóxicos e de investigación ou agrupacións sectoriais, participaron activamente na formación do alumnado.
Esta colaboración materialízase mediante a proposta de casos de uso reais para as materias de proxecto integrador, a acollida de estudantes en prácticas e a participación de profesionais externos en labores de mentorización e titorización. Actualmente, 47 profesionais colaboran neste marco, contribuíndo a achegar a realidade do sector ás aulas universitarias.
Implicación do CiTIUS
A consolidación do grao estivo estreitamente vinculada á participación do CiTIUS, un centro co financiado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Dos 75 docentes que imparten docencia na titulación, 35 pertencen ao centro de investigación da USC. Se se consideran exclusivamente as materias de carácter tecnolóxico, a presenza do CiTIUS alcanza cerca do 70% do profesorado.
Unha semana de celebración
Os actos organizados con motivo desta primeira graduación comezarán o xoves 4 de xuño coa xornada da Rede ECIA, un encontro que servirá para recoñecer a implicación das entidades colaboradoras e dos profesionais que contribuíron á formación práctica do estudantado, cunha previsión de asistencia de 60 persoas directamente relacionadas coa rede.
Por outra banda, na tarde dese mesmo día terá lugar na ETSE a conferencia aberta ao público 'O problema de antropomorfizar a intelixencia artificial', impartida por Ramón López de Mántaras, unha das figuras máis influíntes da intelixencia artificial en España e referente internacional neste eido. A sesión ofrecerá unha reflexión sobre algúns dos principais desafíos conceptuais e sociais asociados ao desenvolvemento destas tecnoloxías.
A programación culminará o venres co acto académico de graduación da primeira promoción do Grao en Intelixencia Artificial, presidido pola reitora Rosa Crujeiras. Entre as autoridades convidadas figuran Alberto Gago, director da AESIA, que exercerá como padriño profesional da promoción, e Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.












