Borja Rubio acusa al gobierno de mala gestión tras dos días sin limpieza en los colegios de Santiago
El PP denuncia fallos en la gestión del contrato y pide una mesa urgente con las partes

O concelleiro do Partido Popular de Santiago, Borja Rubio, denunciou hoxe “unha nova mostra da incapacidade de xestión do BNG” tras os dous días de folga no servizo de limpeza e conserxería dos colexios públicos de infantil e primaria da cidade, unha situación que deixou os centros sen limpeza, cos pavillóns pechados pola tarde e coas actividades extraescolares e os adestramentos suspendidos.
Rubio asegurou que “a pregunta que se debe facer a cidadanía non é por que protesta o persoal do servizo, senón por que este Goberno de BNG e CA é incapaz de xestionar un contrato sen que estale un conflito tras outro”.
O edil popular advertiu de que o ocorrido esta semana “non é un accidente”, senón “o resultado previsible dun contrato mal feito e dun goberno que, despois de asinalo, desaparece”. “De aqueles barros, estes lodos”, resumiu.
Neste sentido, criticou que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, “presuma de ter duplicado o investimento deste servizo” cando, ao seu xuízo, “gastar máis non é xestionar mellor”. “Pódese gastar o dobre e facelo mal. E é exactamente o que pasou”, afirmou.
Rubio sostivo que o Goberno local contou “con máis orzamento que nunca e con todas as ferramentas legais para deixar este contrato ben atado”, pero acabou sacando a licitación “con moito retraso”, para finalmente entregar “un contrato mal pechado, condenado a dar problemas”.
Ademais, acusou ao Executivo municipal de ter adxudicado o servizo “mirando só o prezo” e esquecéndose de que detrás había “un servizo público esencial que afecta aos colexios da cidade e ao benestar dos nenos e nenas”.
O concelleiro popular tamén cargou contra a actitude da alcaldesa unha vez iniciado o conflito laboral, ao considerar que “escúdase en que non é a empregadora”, aínda que, segundo dixo, “é a titular do servizo e quen paga o contrato co diñeiro de todos os composteláns”.
Rubio afirmou que este caso “non é illado” e que responde a “un patrón repetido durante todo o mandato”, lembrando conflitos noutros servizos municipais. “Cando un erro se repite varias veces xa non é un erro: é un método de goberno”, engadiu.
Finalmente, esixiu ao Executivo municipal que “deixe de esconderse” e convoque “de inmediato” unha mesa coas partes para evitar novas mobilizacións, ao tempo que afirmou que “Santiago non se pode permitir un goberno que gasta máis e xestiona peor”.













