A Facultade de Filoloxía inaugura a exposición fotográfica 'Torres e Campanarios de Compostela'
A mostra recolle o traballo do Certame Fotográfico en Branco e Negro Cidade de Compostela, centrado nesta edición nos elementos que definen o perfil urbano da cidade

A Facultade de Filoloxía acolle este martes, 2 de xuño a inauguración da exposición Torres e Campanarios de Compostela, unha iniciativa da asociación de veciños Álvaro Cunqueiro e o Centro Sociocultural Anón Fraguas de Vista Alegre, en colaboración coa propia facultade e a Anpa do CEIP de Vite. O acto terá lugar ás 19.00 horas no salón de actos da Facultade de Filoloxía. A exposición poderá visitarse ata o 31 de xullo no segundo andar da facultade.
O Certame Fotográfico en Branco e Negro Cidade de Compostela no que se enmarca a mostra é unha iniciativa de carácter anual que busca promover a creación fotográfica e, ao mesmo tempo, poñer en valor a riqueza arquitectónica, cultural e paisaxística da cidade. A través da linguaxe da fotografía en branco e negro, o certame convida a observar Compostela dende unha nova perspectiva, descubrindo formas, contrastes, texturas e atmosferas que revelan a esencia do seu espazo urbano.
Cada edición artéllase arredor dunha temática diferente, coa intención de propoñer novas miradas sobre os elementos que constrúen a paisaxe da cidade e forman parte da súa identidade e memoria colectiva.
Na edición deste ano, o título e a temática do certame é ‘Campanarios e Torres de Compostela’, un convite a elevar a ollada cara ás alturas da cidade para redescubrir estes elementos que debuxan o seu perfil inconfundible. Na vindeira edición, o certame presentará un novo título e unha nova temática, continuando así este percorrido visual polos distintos rostros de Compostela.











