Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

Curtocircuíto presenta Planeta GZ, Supernova e Terra como eixes da súa programación de cinema galego

O festival internacional afonda na diversidade do audiovisual galego con propostas que abranguen desde a creación emerxente ata autores consolidados e proxectos de investigación artística

A sección paralela Terra estará dedicada este ano ao arquitecto, cineasta e fotógrafo Tono Mejuto
A sección paralela Terra estará dedicada este ano ao arquitecto, cineasta e fotógrafo Tono Mejuto
Concello de Santiago
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto continúa avanzando na programación da súa vixésimo terceira edición coa presentación de tres dos seus espazos dedicados á creación galega: Planeta GZ, Supernova e Terra. As tres seccións conforman un amplo panorama da produción audiovisual do país, desde cineastas de traxectoria consolidada ata novas voces emerxentes, e permiten achegarse ás múltiples formas que adopta hoxe o cinema galego.

A diversidade do cinema galego en Planeta GZ

Planeta GZ constitúe un reflexo da extraordinaria heteroxeneidade do cinema galego contemporáneo. A sección acolle once títulos que transitan entre a ficción, o documental, a animación e as formas híbridas, abrindo espazo tanto a propostas narrativas como a obras máis periféricas e experimentais.

Máis aló das súas diferenzas estéticas ou de formato, todas as pezas comparten unha mirada singular e unha identidade propia que as distingue. A selección percorre cuestións como a memoria, o territorio, a saúde mental, os vínculos familiares ou as transformacións sociais, ao tempo que explora novas posibilidades expresivas para a imaxe cinematográfica. A selección inclúe ademais varias estreas en Galicia e reúne algúns dos traballos máis recentes de cineastas fundamentais da creación contemporánea como Bea Lema, Diana Toucedo ou Guillermo de Oliveira.

Entre os títulos seleccionados atopamos a animación bordada de 'O corpo de Cristo', de Bea Lema; o diálogo entre memoria e paisaxe de 'A pena', de Iria Silvosa; a comedia negra e irreverente de 'Cara de cona', de Guillermo de Oliveira; ou o retrato urbano e musical de 'A voz de todas as cousas', de Dani Pérez.

A programación complétase con propostas que recuperan memorias persoais e colectivas, como 'Historia dunha bicicleta (sen aire nas rodas e chea de po)', de Xoán Fernández Diz; 'As maos da pulpeira', de Silvia Cachafeiro; ou 'As apalpadelas', de Cristina Souto Pita, xunto a obras que dialogan co mito, a identidade, o territorio ou a experimentación formal como 'Broom Broom Follar', de SOHU; 'La historia todavía no conoce mi nombre', de Diana Toucedo; 'Rachar en dous', de Area Erina López Pino; e 'Escala un cincuenta mil', do xornalista Ángel Suanzes.

Supernova, o laboratorio das novas voces

Supernova consolídase como un dos epicentros do cinema emerxente galego máis audaz. A sección reúne dezaseis obras caracterizadas polo seu marcado carácter autoral e pola presenza de linguaxes híbridas que dilúen as fronteiras entre ficción, ensaio, documental e cinema abstracto.

A selección evidencia un cambio de paradigma entre as novas xeracións de cineastas. Lonxe de reproducir modelos convencionais, as creadoras e creadores que integran Supernova apostan pola experimentación formal, o risco estético e a procura dunha voz propia, configurando un cinema libre, diverso e afastado das inercias comerciais.

As pezas seleccionadas exploran cuestións relacionadas coa identidade, o xénero, o territorio, a transformación da paisaxe ou a relación entre corpo e memoria. Desde a reivindicación da feminidade en 'Afeminadas'de Catuxa Prieto e Carlos Barba; ata a reflexión xeracional de 'Sardiñas', de André Parra; pasando polo humor absurdo de 'Saír do Limbo', de Antón Rodríguez; a observación documental de 'El silencio de Allen Robert Angelo'de Marzo Lozano; ou a exploración da natureza en transformación presente en 'Saúco', de Júlia Pérez e Alejandro Granero; 'Maleza'de Lucía Lago Cascón e Antón Carral López; e 'Voaduras', de Manuela Pereira. Nesa mesma liña de diálogo entre memoria e territorio sitúase 'Fun abalar a pedra que está no medio do mar', de Breogán Xague.

A sección inclúe tamén propostas de forte compoñente experimental como 'Disolución dun ollar', de Javi Darriba; 'Una y otra vez', de Alba Amoedo; 'Oda á extinción'de Isabella Moreno; ou 'Persistencia do baleiro', tamén de Isabella Moreno xunto a José García Estévez, confirmando a vitalidade dunha nova escena audiovisual que entende o cinema como espazo de liberdade e descubrimento.

Terra: Tono Mejuto

A sección paralela Terra estará dedicada este ano ao arquitecto, cineasta e fotógrafo Tono Mejuto, unha figura fundamental para comprender os cruces entre cinema, territorio, arquitectura e paisaxe na creación galega contemporánea. A súa obra desenvolve unha investigación constante sobre os modos de habitar o espazo e as transformacións do territorio contemporáneo a través do cinema en 16 mm e da fotografía química.

Terra, a sección non competitiva de Curtocircuíto dedicada a cineastas e artistas visuais galegos cunha traxectoria consolidada e unha voz propia, propón nesta edición un encontro co autor arredor do seu perfil híbrido. Mejuto regresará ao festival tras a súa participación en 2017 con 'Qviasma' para realizar unha charla-percorrido na que revisará os principais fitos dunha obra situada na intersección entre o cinema, a arquitectura e a fotografía.

A súa investigación sobre as formas de habitar o territorio atravesa tanto a súa produción artística como o seu labor como dinamizador cultural por medio de iniciativas como a cooperativa Ergosfera, a editora Estraperlo ou o Festival de Fotografía da Coruña FFoco.

O encontro permitirá achegarse aos procesos, imaxes e reflexións que sosteñen a súa traxectoria e incluirá, entre outros materiais, a primeira proxección completa de 'Reliefs', unha peza en 3D desenvolvida en 2017 durante a súa residencia BAICC en Toronto e presentada na Mostra (S8) da Coruña.

Noite Malandra e a colaboración con Cineclube Compostela

A programación galega de Curtocircuíto complétase con dúas citas xa clásicas do festival, Noite Malandra e a colaboración co Cineclube de Compostela. Ambas as actividades desenvolveranse da man de dous colectivos fundamentais da cidade, Escola Unitaria e Cineclube de Compostela, reforzando os vínculos do festival co tecido cultural compostelán.

Nesta edición, Noite Malandra presenta unha nova proposta audiovisual creada por Marcos PTT e Unitaria. Partindo dunha premisa tan incómoda como recoñecible —esas mensaxes que desexariamos non ter enviado, vídeos que nunca foron pensados para seren vistos en público ou momentos de intimidade afastados da imaxe que proxectamos nas redes sociais—, a sesión mergullará o público nunha sesión de pezas breves que sirven de exercicio de autoficción colectiva, falando sen filtros e con humor negro sobre as contradicións dunha sociedade cada vez máis exposta.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620