O Concello e EspazoCoop renovan a súa colaboración para impulsar o cooperativismo en Santiago
O convenio inclúe encontros de intercooperación, roteiros, unha exposición itinerante e actividades formativas para dar a coñecer este modelo empresarial entre a cidadanía e o alumnado

A concelleira de Promoción Económica, María Rozas, reafirmou hoxe o compromiso do Concello de Santiago coa economía social e o cooperativismo como ferramentas de desenvolvemento local. Foi no marco da presentación das actividades incluídas no convenio de colaboración con EspazoCoop, nunha rolda de prensa na que tamén participou a presidenta da Unión de Cooperativas, Ana Olveira.
O acordo permitirá desenvolver ao longo do ano diferentes accións co obxectivo de promocionar as cooperativas compostelás e achegar as vantaxes do cooperativismo a aquelas persoas que poidan apostar por este modelo para o seu futuro profesional.
María Rozas lembrou que a economía social é un dos eixos vertebradores da Axenda Urbana 2030, “porque é un modelo que contribúe a lograr os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas a través de proxectos empresariais centrados nas persoas, respectuosos co medio ambiente e comprometidos coa igualdade”. A concelleira puxo en valor o ecosistema da economía social que temos en Santiago “con máis de 100 cooperativas e 70 sociedades laborais, que son rendibles en diferentes sectores como a cultura, a alimentación, o deporte, as telecomunicacións ou os coidados”.
Pola súa banda, a presidenta de EspazoCoop mostrou a súa satisfacción por manter esta colaboración “que demostra que apostar polo cooperativismo desde o ámbito local ten sentido e ofrece bos resultados”. Para Ana Olveira, “este convenio representa un paso máis na construción dun ecosistema cooperativo sólido en Santiago, despois de cinco anos de intensa colaboración con actividades que chegaron a máis de 600 persoas”. A presidenta da Unión de Cooperativas salientou que “o Concello de Santiago é das poucas administracións públicas que apoian o cooperativismo desde unha óptica transversal, desde o convencemento de que é unha panca de transformación da cidade”.
O convenio presentado hoxe dálle continuidade a anos de traballo conxunto entre o Concello e EspazoCoop, articúlase en catro liñas de acción complementarias pensadas para chegar a públicos distintos: a veciñanza de Santiago, as persoas que visitan Compostela, o alumnado de Formación Profesional e as propias cooperativas compostelás.
Catro liñas de acción para o cooperativismo compostelán
Unha das primeiras actividades que se van desenvolver ao abeiro do convenio é o Encontro de intercooperación "Coñéceme para poder gustarche", que se celebrará o próximo 17 de xuño. A xornada reunirá durante catro horas ás cooperativas de Compostela e a súa contorna para que se coñezan entre elas, identifiquen sinerxias e exploren posibilidades de colaboración e intercooperación. O encontro celebrarase no Centro Sociocultural do Ensanche.
Nese mesmo espazo inaugurarase a exposición itinerante “Cooperativas de Compostela”, que percorrerá os centros socioculturais e educativos de Santiago. A través de vinte paneis, a mostra combinará unha introdución teórica ao cooperativismo coa promoción das cooperativas participantes e imaxes das fotografías que as integran, para subliñar que o cooperativismo constrúese desde as persoas.
Outra das actividades incluídas no convenio de colaboración son os Roteiros Cooperativos, que permiten dar a coñecer e poñer en valor as cooperativas existentes en Santiago. Serán catro rutas abertas ao público en xeral, con visitas a catro cooperativas en cada unha delas. Estes percorridos, cunha duración estimada de tres horas e saída desde a Alameda, permiten identificar ideas de negocio e emprendemento, ademais de promocionar o traballo de cooperativas xa existentes.
De cara ao inicio do vindeiro curso, o convenio entre o Concello de Santiago e EspazoCoop contempla tamén a posta en marcha dun ciclo de charlas no CIFP Politécnico de Santiago, nas que o alumnado poderá coñecer as claves do emprendemento cooperativo como alternativa real e viable á hora de construír un proxecto profesional.












