O Concello de Santiago licita a reurbanización da rúa de Mallou cun orzamento de 1,44 millóns de euros
A actuación, cun prazo de execución de 15 meses, renovará máis de 7.500 metros cadrados para mellorar a accesibilidade, a mobilidade e a calidade do espazo público

A Xunta de Goberno aprobou, na sesión ordinaria deste luns, o expediente para a licitación por procedemento aberto simplificado das obras de reurbanización da rúa de Mallou, cun orzamento base de 1.443.102,71 € (IVE incluído) e un prazo de execución de 15 meses.
Míriam Louzao destacou que esta obra significará intervir nun ámbito de algo máis de 7.500 metros cadrados, cunha lonxitude de máis de medio quilómetro entre a rúa Pequena polo sur e a confluencia coa rúa Queimada polo norte, para mellorar a accesibilidade e a funcionalidade da rúa, así como elevar a calidade do espazo público e conseguir renovar e ordenar as redes de servizos.
O espazo redistribuirase para crear un carril único de circulación, amplo, e con espazo para a bicicleta, procurando un equilibrio entre o coche, o transporte urbano, a bicicleta e os desprazamentos a pé. Tamén se organizarán espazos de estacionamento.
“Grazas a esta actuación, haberá itinerarios peonís seguros, ao construírse novas beirarrúas accesibles, cinco pasos peonís elevados e unha zona máis ampla de plataforma única na metade do ámbito, que ademais de mellorar a accesibilidade, tamén contribuirá a calmar o tráfico rodado”, indicou a voceira municipal, quen apuntou que tamén se deseñaron pequenos espazos de estancia vinculados á plantación de árbores ou ás que xa existen.
No tocante ás instalacións, alén de incorporar a rede separativa de saneamento e a drenaxe de pluviais en toda a superficie, adáptase a rede de abastecemento á nova rasante, sotérranse as cablaxes e instálanse sistemas máis eficientes de iluminación. Tamén se van recolocar de forma máis racional as illas de colectores de residuos.
“Unha actuación, por tanto, encadrada no modelo de calidade e resiliencia do espazo público que se está implantando, que aumenta a seguridade, a accesibilidade e a prestación de servizos públicos”, subliñou Míriam Louzao.











