A figura de Aida Fernández Ríos centra unha nova cita de Os luns do Ateneo
A oceanógrafa, elixida Científica Galega do Ano 2026, foi homenaxeada nunha conferencia impartida por Fiz Fernández

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) continuou este luns coa homenaxe á oceanógrafa Aida Fernández Ríos elixida como Científica Galega do Ano, cunha conferencia celebrada en Santiago de Compostela dentro do ciclo Os Luns do Ateneo.
A sesión tivo lugar na sede de Afundación e contou coa participación do investigador do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) Fiz Fernández, académico da RAGC, que impartiu a charla titulada 'Aida Fernández Ríos, da produtividade das rías á acidificación oceánica'. A actividade estivo organizada en colaboración co Ateneo de Santiago e o Concello de Santiago.
Durante a súa intervención, Fernández repasou a traxectoria científica de Aida Fernández Ríos, considerada unha referencia internacional no estudo dos océanos e unha das principais especialistas europeas na investigación da acidificación oceánica provocada polo aumento do dióxido de carbono na atmosfera.
O investigador destacou que a homenaxeada desenvolveu toda a súa carreira científica no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, do que chegou a ser directora, converténdose na primeira muller en ocupar ese cargo. Segundo explicou, a súa vocación investigadora naceu neste centro e consolidouse coa participación en numerosas campañas oceanográficas internacionais.
Entre as súas contribucións máis relevantes figura a participación en proxectos destinados a medir a concentración de CO2 no océano Atlántico e a publicación, en 2004, dun artigo na revista Science que avaliou por primeira vez a cantidade de dióxido de carbono xerado pola actividade humana que é absorbida polos océanos. O estudo concluíu que arredor do 40 % das emisións quedan almacenadas no medio mariño, desempeñando un papel fundamental na mitigación do cambio climático.
Fiz Fernández tamén puxo en valor tres dos principais legados da investigadora: a súa participación en campañas científicas no Atlántico Sur para analizar a acidificación oceánica, o desenvolvemento do sistema de medición continua de CO2 coñecido como Gaspar, instalado actualmente en buques oceanográficos, e a creación da base de datos Arios, que recompila información sobre as rías galegas desde 1974 e serve para realizar estudos e predicións relacionadas co cambio climático.













