Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

Pulso Ensemble pecha o ciclo Contemporáneas cun espectáculo inmersivo de música, danza e creación multimedia

O Auditorio de Galicia acolle este sábado a estrea en Galicia de ‘Symbiont’, unha proposta participativa arredor da música contemporánea e a inclusión social

O espectáculo ‘Laboratorio Sonoro Inclusivo – Symbiont’ clausura esta fin de semana o ciclo Contemporáneas de Compostela Cultura no Auditorio de Galicia
O espectáculo ‘Laboratorio Sonoro Inclusivo – Symbiont’ clausura esta fin de semana o ciclo Contemporáneas de Compostela Cultura no Auditorio de Galicia
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

Música experimental, danza, electrónica e creación multimedia conflúen en 'Laboratorio Sonoro Inclusivo – Symbiont', a proposta escénica coa que Pulso Ensemble pon o ramo a esta edición do ciclo Contemporáneas de Compostela Cultura. O espectáculo, que poderá verse o domingo 31 de maio ás 12.30 horas no Auditorio de Galicia, propón unha experiencia inmersiva e participativa arredor da estrea en Galicia da obra 'Symbiont' (2025), do compositor e investigador Pedro González Fernández.

A proposta culmina un proceso de obradoiros desenvolvido arredor da música contemporánea e dirixido especialmente a persoas en risco de exclusión social, co obxectivo de favorecer unha aproximación activa ás prácticas sonoras actuais. As persoas participantes integraranse nesta ocasión na interpretación da peza, creada por encargo do Festival Mixtur.

Concibida como unha instalación multimedia duns 35 minutos de duración, 'Symbiont' reúne ensemble instrumental, electrónica, danza e voz nun dispositivo escénico no que intérpretes e tecnoloxía interactúan constantemente. No centro da escena sitúase un obxecto orgánico do futuro construído a partir de pólas e elementos naturais activados mediante servomotores e microcontroladores, xerando unha paisaxe sonora híbrida entre o humano, o artificial e o natural. A obra explora así posibles escenarios de convivencia —utópicos e distópicos— entre natureza, industria e tecnoloxía.

O elenco de Pulso Ensemble nesta ocasión estará integrado por David Durán ao piano, Sara Méndez ao saxofón e narración, Pablo Paz na percusión, Laura Seoane ao violín, Julio Argudo na electrónica e o propio Pedro González na dirección e multimedia. A súa interpretación estará acompañada da danza de Paula Quintas, Martín Blanco, Sonsoles Tordable e da Escola de Danza Alfaia, alén das voces dun coro de persoas usuarias da Residencia Porta do Camiño de Santiago.

Traxectorias

Nacido en 2019, Pulso Ensemble é un colectivo centrado na música experimental de nova creación que desenvolve un traballo arredor da contemporaneidade e da relación entre o individuo e a revolución dixital. 

O 'Laboratorio Sonoro Inclusivo' constitúe un dos eixes centrais do proxecto. Concibido como un espazo no que a música contemporánea dialoga con múltiples sensibilidades e realidades, a iniciativa procura tender pontes entre sons, persoas e comunidades a través da escoita, a experimentación e o diálogo. 

Pola súa banda, Pedro González Fernández compaxina a creación musical coa investigación en arte intermedia e novas tecnoloxías. As súas obras puideron escoitarse en citas internacionais como o Musica Festival de Estrasburgo, o Klangwerkstatt de Berlín ou a International Computer Music Conference. Desde 2021 é profesor de Música Contemporánea na ESMUC e en 2023 recibiu unha bolsa Fulbright para desenvolver investigación no CCRMA da Universidade de Stanford arredor dos sistemas de feedback háptico e a cognición 4E.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620