María Rozas chama a reforzar a sensibilización sobre a doazón de órganos ante o 20% de negativas familiares
Alcer Coruña impulsa novas accións informativas en Santiago, cunha mesa no Toural o 3 de xuño e campaña nas redes baixo o lema 'Dálle like á vida'

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, insistiu hoxe en que “ainda que Galicia é unha comunidade solidaria, segue habendo un importante número de negativas familiares que moitas veces se amparan en falsas crenzas que cómpre derrubar”. A tenenta de alcaldesa insistiu en que “doar órganos é o acto máis solidario e altruísta que podemos exercer”.
María Rozas deu conta das accións nas que a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais colabora con Alcer Coruña, acompañada do coordinador da entidade, Alfredo Saborido. A tenenta de alcaldesa insistiu en que “a media de negativas das familias á doazón de órganos tras o falecemento dun familiar ronda o 20% segundo a Organización Nacional de Transplantes, fronte ao 13% de hai 10 anos”. Ainda que en 2025 Galicia acadou a cifra récord de 429 transplantes, ao remate dese ano máis de 260 galegos e galegas estaban agardando por unha intervención “e por iso é importante seguir sensibilizando á poboación para facerse doadora e para facilitar a doazón dos órganos diante da morte dun familiar”.
Pola súa banda, Alfredo Saborido pediu “unha maior coordinación entre as administracións públicas e o terceiro sector para sensibilizar á poboación” e apostou por “normalizar as conversas sobre a morte e sobre a doazón de órganos, que é o maior acto de autodeterminaciónn porque supón decidir o que facer co propio corpo tras a morte”.
Mesa informativa no Toural e campaña nas redes sociais
Con motivo do Día da Persona Doante de Órganos, Alcer Coruña instalará unha mesa informativa na Praza do Toural o próximo mércores, 3 de xuño. Nela repartiranse dípticos nos que se afrontan algunhas das falsas crenzas ao redor da doazón, desde a súa relación coa relixión ata o mito de que as persoas doadoras non son reanimadas polo persoal médico. Ademais, facilitarase toda a información para que as persoas interesadas poidan facerse doadoras.
Ao tempo, Alcer Coruña quere sensibilizar á poboación a través das redes sociais, cunha iniciativa que leva por lema “Dálle like á vida. Doa órganos. Agasalla Vida”, na que anima a cidadanía e institucións a compartir o cartaz do Día da Persoa Doante de Órganos.











