O pleno de Santiago aproba por unanimidade unha declaración institucional en defensa dos dereitos LGTBIQ+
A Corporación reafirma o compromiso municipal contra a violencia e os discursos de odio e reivindica Compostela como “vangarda” na sensibilización social

O Pleno do Concello de Santiago aprobou por unanimidade este xoves na sesión ordinaria de maio unha declaración institucional en defensa dos dereitos LGTBIQ+ e contra o odio, na que Compostela asume o seu papel como vangarda na sensiblilización social e na loita conxunta xunto coas persoas do colectivo.
Os grupos integrantes da Corporación Municipal expresan así o seu apoio, solidariedade e afecto ás vítimas de agresións fóbicas e a súa condena a calquera forma de discriminación ou violencia cometida coa base no odio contra as persoas, especialmente pola súa orientación ou identidade sexual, ou a súa expresión de xénero.
O Concello de Santiago recoñece o pleno dereito das persoas a seren, sentiren e quereren con liberdade e manifesta o seu compromiso coa diversidade, a loita contra a violencia lgtbifóbica e os comportamentos e discursos de odio. Deste xeito, a Corporación asume o obxectivo común de progresar no esforzo colectivo e comunitario de cara a unha sociedade plural, diversa e libre de comportamentos negadores dos dereitos das persoas a ser e sentir.
Esta declaración apróbase no Pleno tras a conmemoración, o pasado 17 de maio, do Día Internacional contra a Homofobia, Transfobia e Bifobia, que lembrou o 36º aniversario desde que a Organización Mundial da Saúde excluíse a homosexualidade do Catálogo Internacional de Enfermidades.
O Concello de Santiago asumiu hai anos o seu papel na loita contra a fobia e o odio e conta desde maio de 2025 cun servizo de asesoramento LGTBIQ+. Do mesmo xeito, a Policía Local compostelá foi a primeira do país en dar un paso adiante e realizar actividades formativas en materias como delitos de odio ou atención á diversidade. A isto súmanse iniciativas municipais como “Compostela Diversa” ou o protocolo “Troula Segura”.
Con todo, o Pleno lamenta que estas medidas chegan de xeito limitado á igualdade material e amosa a súa preocupación diante dunha nova onda reforzada de odio, ao tempo que reitera a máis firme condena a toda manifestación de violencia homófoba, en particular das agresións físicas motivadas pola intolerancia e polo rexeitamento da diversidade.












