O Foro Territorio Rural Resiliente abre en Santiago un espazo de reflexión sobre o futuro do rural galego
A Cidade da Cultura acolle un encontro que reúne expertos e entidades para abordar os retos do territorio fronte ao cambio climático

A reitora Rosa Crujeiras inaugurou este xoves 28 o Foro Territorio Rural Resiliente, “un espazo de encontro, reflexión e proposta que nace coa vontade de pensar Galicia desde o territorio, desde o rural e desde o futuro compartido que queremos construír”, afirmou. Acompañada polo presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, a reitora destacou que “cuestións como a ordenación do territorio, a mobilización da terra, o equilibrio entre produción e conservación, a resiliencia fronte ao cambio climático, a fixación de poboación ou os novos modelos de gobernanza territorial
Esixen diálogo, cooperación e a capacidade de integrar coñecementos e experiencias diversas”. E precisamente iso, continuou, “é o que fai especialmente valiosa esta iniciativa: crear un espazo no que conflúen disciplinas, sectores e sensibilidades diferentes para construír reflexión compartida e propostas de futuro para Galicia”.
O Edificio CINC da Cidade da Cultura acolle esta iniciativa independente impulsada desde a sociedade civil pola Fundación Juana de Vega e o LaboraTe (Laboratorio do Territorio da USC), en colaboración coa Fundación RIA, a Fundación Roberto Rivas e o Colexio de Xornalistas de Galicia. O Foro estrutúrase en seis mesas de traballo nas que participan unhas 120 persoas expertas, representantes de diversos sectores profesionais e organizativos vinculados ao medio rural galego. O obxectivo final é claro: transitar cara a un rural vivo, capaz de garantir a soberanía alimentaria e de adaptarse con éxito ao cambio climático.
Neste senso, a reitora salientou que o rural galego non pode ser entendido “como un espazo periférico nin residual. É unha peza central do noso modelo económico, ambiental e cultural. É fundamental para afrontar desafíos tan decisivos como o cambio climático, os incendios forestais, a soberanía alimentaria ou a conservación da biodiversidade”. Faise precisa, polo tanto, “unha mirada ampla e compartida. Unha visión que combine innovación e tradición, coñecemento científico e saber local, planificación e participación social”.











