A Casa das Máquinas programa este sábado un espectáculo gratuíto de circo contemporáneo para público familiar
A compañía Desastronauts levará a Santiago ‘Circo Doble Expresso’, unha proposta con acrobacias, humor e interacción co público recomendada a partir dos 3 anos

A Casa das Máquinas acolle este sábado, día 30 de maio, o espectáculo 'Circo Doble Expresso', unha proposta contemporánea para público familiar da compañía Desastronauts. A función, de balde e con entrada libre até completar capacidade, comezará ás 18.00 horas.
Con máis de dúas décadas de traxectoria no mundo do circo, Raquel e Girisho interpretan dous excéntricos artistas empeñados en demostrar quen merece a admiración do público. Mentres Girisho enfronta cada reto con entusiasmo desmedido e unha confianza algo temeraria, Raquel responde con disciplina, precisión e unha grande habilidade técnica. Entre os dous constrúen unha divertida competición chea de equívocos, desafíos e momentos sorprendentes.
Trapecio, tea aérea, hula hoops e distintas técnicas circenses conviven nun espectáculo dinámico e visual que combina destreza física, humor e complicidade co público. A proposta está pensada para gozar en familia e achega o circo contemporáneo ás crianzas a través dun universo lúdico e accesible.
'Circo Doble Expresso' é un espectáculo recomendado para público a partir de 3 anos integrado na programación familiar d’A Tropa C de Compostela Cultura.











