O teatro de rúa ‘De luxo a lixo’ leva á Praza Roxa a reflexión sobre os residuos voluminosos
A campaña municipal busca concienciar á veciñanza compostelá sobre o abandono de mobles e obxectos nas rúas e informar dos servizos de recollida dispoñibles

Os exteriores da Biblioteca Concepción Arenal no Campus Vida de Santiago de Compostela acolleron esta mañá a peza de teatro de rúa ‘De luxo a lixo’, unha proposta impulsada polo Concello de Santiago dentro da campaña do mesmo nome para concienciar sobre o abandono de residuos voluminosos na rúa.
Coa participación directa das persoas asistentes, esta actividade busca reflexionar sobre como é vivir nun mundo no que todo é de usar e tirar e informar a veciñanza sobre como desfacerse destes obxectos dun xeito correcto e respectuoso.
O concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, visitou posteriormente o posto informativo da campaña situado na Praza Roxa de Santiago, onde puxo o acento na concienciación sobre o abandono de residuos voluminosos na rúa.











