Santiago leva ao rueiro unha obra de teatro para concienciar sobre os residuos voluminosos
‘De Luxo a Lixo’ representarase este mércores en Feáns e na Praza Roxa cun formato participativo que mestura humor, danza e reflexión ambiental

Este mércores 27 de maio realizarase a obra de teatro de rúa ‘De Luxo a Lixo’, que interacciona con material voluminoso recollido das rúas de Compostela en dúas representacións: ás 10.30 horas na rúa dos Feáns, diante da biblioteca Concepción Arenal, e ás 13.00 horas na Praza Roxa.
A actividade afonda na maneira na que nos relacionamos co que nos rodea: cousas que usamos cada día, que forman parte da nosa vida, decoran o noso entorno e nos inflúen en cada acción e decisión. ¿Que é delas cando decidimos que xa non valen? O que antes foi luxo, agora é lixo.
A partires dunha historia base o público será parte dunha reflexión, cunha visión divertida e dinámica, sobre como afectamos e nos afecta todo o que nos rodea.
Coa participación directa das persoas asistentes, esta proposta municipal reflexiona sobre como é vivir nun mundo no que todo é de usar e tirar e informa sobre como desfacerse destes obxectos dun xeito correcto e respectuoso.
Esta intervención teatral de 30 minutos de duración busca mostrar a través da vida dunha parella como é a nosa vida compartida cos obxectos desde que chegan a nós ata que decidimos deixalos ir. Música, humor, danza, malabares, un chisco de tolemia e a participación directa do público farán que poidamos escribir, literalmente, unha nova historia para os grandes obxectos da nosa vida.
Recollida de voluminosos e punto limpo móbil
O Concello e Urbaser lembran á cidadanía que Compostela conta cun servizo de recollida de voluminosos a domicilio, sempre con previo aviso contactando a través do teléfono 981 565 469 para concertar o día, hora e lugar da vía pública onde se depositarán. O horario deste servizo é de 10.00h a 13.00h de luns a venres.
Por outro lado, a cidadanía compostelá conta con dúas alternativas para depositar os voluminosos dos que desexen desfacerse, unha delas é o punto limpo que está operativo de 10.50 a 14.00 e de 16.00 a 19.10 horas de luns a venres e de 10.50 a 18.10 horas os sábados. Ademais, pódense depositar os pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores na rúa no punto limpo móbil que está localizado en horario de 10.30 a 12.45 horas todos os sábados do mes en diferentes zonas de Santiago: o primeiro en Fontiñas, o segundo en praza Roxa, o terceiro en Virxe da Cerca e o cuarto no Castiñeiriño.











