Un libro recupera a traxectoria xornalística e literaria de Begoña Caamaño
O Consorcio de Santiago e Editorial Galaxia presentan a obra de María Xosé Porteiro dedicada á autora das Letras Galegas 2026
O Consorcio de Santiago e Editorial Galaxia presentaron este luns no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia o libro Begoña Caamaño, xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Compostela, da autora María Xosé Porteiro, unha obra que percorre a traxectoria profesional e vital da xornalista e escritora á que a Real Academia Galega dedicará o Día das Letras Galegas 2026.
A publicación reivindica a figura de Begoña Caamaño como unha das voces máis comprometidas do xornalismo galego contemporáneo, destacando o seu labor na defensa da información independente, dos dereitos das mulleres e da cultura galega.
No acto participaron a alcaldesa de Santiago e presidenta do Consorcio, Goretti Sanmartín; o xerente do organismo, José Antonio Domínguez Varela; o director de produción de Editorial Galaxia, Xesús Domínguez Dono; e o responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde Roa.
Na obra, María Xosé Porteiro reconstrúe a pegada profesional e humana de Caamaño desde unha perspectiva próxima, combinando o seu papel como xornalista, feminista e escritora. Especializada en información laboral, internacional, política social e cultural, Caamaño desenvolveu tamén unha destacada carreira literaria con obras como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle.
Durante a presentación, Goretti Sanmartín puxo en valor a figura de Begoña Caamaño como referente do xornalismo galego e do activismo feminista, subliñando o seu compromiso co feminismo, o pacifismo e a xustiza social.











