Rosón levará ao pleno unha proposta para mellorar o estacionamento e a mobilidade en Salgueiriños
A concelleira non adscrita pide alternativas ao aparcadoiro afectado pola vivenda pública da Xunta e melloras de accesos na zona norte de Santiago

A concelleira non adscrita de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón, levará ao pleno municipal desta semana unha proposición orientada a garantir alternativas de estacionamento e mellorar a mobilidade na contorna de Salgueiriños, ante o anuncio da Xunta de Galicia de desenvolver na zona un proxecto urbanístico con 224 vivendas de promoción pública e unha residencia xuvenil de 150 prazas.
Rosón sinala que este anuncio chega “despois de máis dunha década e media de gobernos do Partido Popular sen desenvolver políticas ambiciosas de vivenda pública en Santiago”, unha situación que, ao seu xuízo, contribuíu a agravar o problema de acceso á vivenda na cidade. Con todo, considera que a construción destas vivendas protexidas “é unha actuación benvida e necesaria para Santiago”.
A edil advirte tamén dos impactos que este desenvolvemento terá sobre a contorna urbana, especialmente pola desaparición do actual aparcadoiro de autocaravanas e autobuses de Salgueiriños, situado na parcela da Xunta ao carón da Administración de Facenda. Segundo explica, isto obriga ao Concello a anticiparse e planificar solucións alternativas que permitan manter un servizo “relevante para a mobilidade da zona norte da cidade e para o turismo itinerante”.
Neste sentido, lembra que as concelleiras non adscritas xa trasladaran esta preocupación durante a negociación dos orzamentos municipais, incorporando a proposta de crear un aparcadoiro disuasorio na zona norte da cidade coa colaboración doutras administracións.
Mellora da mobilidade e optimización de espazos infrautilizados
A proposta que defenderá no pleno tamén aborda a situación da área de estacionamento anexa, empregada semanalmente para a celebración do mercadillo dos xoves. Rosón sinala que este espazo presenta “un enorme potencial como equipamento de estacionamento e mobilidade para o barrio”.
Por este motivo, a iniciativa solicita habilitar unha nova entrada e saída deste aparcadoiro cara á rúa Manuel María, co obxectivo de mellorar a accesibilidade e evitar que os vehículos accedan unicamente pola rúa de Melide.
A concelleira considera que esta actuación permitiría optimizar un espazo público actualmente infrautilizado, mellorar a circulación na contorna e facilitar a conexión coa futura Factoría Moza, proxecto financiado con fondos europeos previsto nas proximidades.
Rosón defende que a ordenación e mellora da mobilidade nesta zona debe responder a unha visión integral da cidade, coordinando as necesidades de vivenda, estacionamento, servizos públicos e novos equipamentos.
Ademais, subliña a importancia de desenvolver estas actuacións escoitando ás asociacións veciñais e promovendo a colaboración entre administracións para garantir solucións “útiles, sostibles e adaptadas ás necesidades da veciñanza”.












