Conxo reviveu o espírito do Banquete cunha multitudinaria fin de semana de festa e fraternidade
Centos de persoas participaron na VII edición dunha celebración que encheu a carballeira de música, teatro, artesanía e memoria histórica arredor do histórico encontro de 1856

A Festa do Banquete de Conxo congregou un ano máis centos de composteláns e compostelás o venres 22, o sábado 23 e o día grande, o domingo 24 de maio, cando se conmemorou o orixinal banquete do 2 de marzo de 1856 cunha xornada festiva e alegre na carballeira de Conxo que durou dende a mañá ata ben pasada a tarde. Teatro, música, artesanía e moito máis encheron os tres días de festa. Aos festexos asistiron a alcaldesa e membros da Corporación municipal.
Tras dous días cun programa repleto de actividades para todos os gustos e idades, o día grande da festa arrancou co desfile "Alá van estudantes e artesáns" que partiu da praza do Toural e percorreu as rúas de Compostela baixo a coordinación artística dos Quinquilláns, ata chegar á praza de Conxo, onde Nuria González Casais e Maika González Rozas, veciñas de Vidán e do Eixo, parroquias invitadas este ano, deron lectura ao pregón. A continuación, a comitiva dirixiuse á carbarlleira de Conxo onde se fixo unha representación teatral do Banquete para dar paso ao tradicional xantar e romaría popular cos brindes de veciños e veciñas.
Pola tarde celebrouse "O serán da Fraternidade", unha foliada que estivo amenizada pola música e bailes tradicionais de Devagarinho de Villestro, Asociación de Música e Baile tradicional de Conxo, Grupo de cantos de taberna Cantador@s de Recandea do Castiñeiriño, Muiñeiros do Sarela e Asociación Pena Maior de Marrozos, seguido polo pregón de despedida da Festa, a cargo de Manolo Portas.
Todo isto veu acompañado do Mercado do Libro na praza de Aurelio Aguirre. Ademais, o mercado completouse con numerosas actividades paralelas para adultos e para a cativada.











