A Festa da Poesía de Conxo celebra unha edición con protagonismo feminino e novas voces da creación galega
O evento será o sábado na praza de Aurelio Aguirre con poetas e artistas como Nuria Vil, Baia Fernández, Nuria Mosqueira e Helena Salgueiro, ademais de actuacións de Lidia LChao, Aprendiz e XianPais

A Festa do Banquete de Conxo volve darlle protagonismo á poesía e á música nunha nova edición da Festa da Poesía que se celebrará o sábado 23 na praza de Aurelio Aguirre. Nuria Vil, poeta viguesa e activista LGTBQIA+, será a conductora do acto, que este ano ten un claro protagonismo das mulleres. Con ela, subirán ao escenario outras tres poetas: Baia Fernández, cunha longa traxectoria tanto na escrita como na creación de contido en Youtube; Nuria Mosqueira, poeta, guionista e profesora de debuxo; e Helena Salgueiro, que ademais de poeta é creadora teatral, dramaturga e actriz.
No apartado musical, na Festa da Poesía deste ano participarán a cantautora e rapeira Lidia LChao, coñecida como vocalista de Liskadakí, unha das bandas do Centro Xove da Almáciga; Aprendiz, nome artístico do lalinés Nicolás Hermida que está a presentar o seu álbum debut “Campo”; e XianPais, rapeiro e compositor orixinario de Muros que está a destacar na escena da música urbana en galego que vén de ser escollido polo xurado como gañador do III Concurso de Música Emerxente que organizou o Extruga Festival.










