O CITMAga impulsa en Santiago o foro que conecta matemáticas e industria con empresas galegas e internacionais
O ‘Industry Day’ reúne na USC compañías de sectores como tecnoloxía, aeroespacial, enxeñaría ou software para mostrar casos reais de transferencia de coñecemento e innovación

O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), integrado polas tres universidades galegas, e con sede no Campus Vida da USC, impulsou este venres 22 a décimo quinta edición do ‘Foro de Interacción Matemática Industria (Industry Day)', na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.
Esta é unha iniciativa promovida en colaboración coa Red Española Matemática-Industria (math-in) e conta co apoio da Agencia Estatal de Investigación (Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades). Á inauguración asistiron o decano da facultade de Matemáticas da USC, Alberto Cabada; o director científico do CITMAga, Javier Roca; o presidente da Red Española Matemática-Industria, Emilio Carrizosa; xunto ao promotor do foro, o profesor Alfredo Bermúdez de Castro. As compañías participantes deixaron patente que lograron mellorar os seus produtos e servizos e reducir os custos de produción grazas ás matemáticas.
O foro reuniu a especialistas en matemáticas e representantes de empresas galegas, estatais e internacionais, que amosaron casos reais de transferencia de tecnoloxía e coñecementos entre as matemáticas e diferentes sectores industriais. Deixaron patente que as matemáticas contribúen a que as empresas innoven os seus procesos, logren importantes melloras nos seus produtos e servizos e, ademais, consigan reducir os seus custos de produción.
Contouse coa participación de representantes de compañías de sectores tan diversos como o tecnolóxico (Fujitsu e Plexus), os electrodomésticos (Bosch), a metalurxia (Ferroglobe), a enxeñaría (Instra), aeroespacial e drons (Kreios Space e Vig-Sec Drone), desenvolvemento de software científico (Mestrelab) ou transformación dixital (NTT Data e Possible Incorporated). Todos eles explicaron como as matemáticas foron capaces de dar resposta a problemas concretos e servíronlles como “motor de innovación empresarial”.
Durante o encontro déronse a coñecer as “enormes e múltiples” capacidades das matemáticas e a súa aplicabilidade nunha enorme parte dos retos e necesidades do tecido industrial, achegando a pequenas, medianas e grandes empresas unha tecnoloxía cun tremendo potencial e que non precisa de grandes investimentos para o seu uso. Con esta iniciativa búscase ademais afianzar a importancia das matemáticas e dos perfís matemáticos na industria. E, de modo xeral, trátase de pór de relevo o poder desta disciplina á hora de ofrecer solucións aos problemas do mundo real.











